En roda de prensa, a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, manifestou que a reforma do sector eléctrico é necesaria para corrixir o déficit de tarifa, é dicir, a diferenza entre o que custa producir a electricidade e o que se paga por ela, e garantir a sostibilidade do sistema eléctrico sen que sexan os consumidores os que teñan que asumir nas súas facturas os custos que xera ese desequilibrio.
Aclarou que a reforma nace coa vocación de ser definitiva para resolver os problemas do sector eléctrico. Desde o ano 2005, explicou , o custo de xeración de electricidade aumentou ata chegar a 26.000 millóns de euros e, ese buraco, herdado do anterior Goberno, non se conseguiu paliar, aínda que entre 2006 a 2011 a factura da luz subiu un 63%.
O ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, recoñeceu que as medidas adoptadas "non son fáciles para ninguén pero si totalmente imprescindibles"..Ata agora tivemos un sistema que é insostible dentro da incerteza e a partir de agora teremos un sistema sostible e con certidume".
Soria indicou que o prezo da enerxía para os consumidores domésticos está moi por encima da medida da Unión Europea malia as medidas adoptadas polo Goberno durante 2012. De non haberse tomado esas medidas, precisou , o déficit do sistema eléctrico alcanzaría os 10.500 millóns de euros en 2013 e faría necesaria unha subida da luz do 42%.
O ministro avanzou que o déficit de tarifa previsto para 2013 é de 4.500 millóns de euros. Para equilibrar o sistema, as compañías asumirán 2.700 millóns de euros, o Estado 900 millóns e os consumidores os 900 millóns restantes mediante unha subida do recibo da luz do 3,2% a partir de agosto. José Manuel Soria asegurou que a subida para o consumidor doméstico sería do 19% si non se aplicase a reforma e as empresas do sector e o Estado non asumisen parte do custo.