martes, 16 de abril de 2013

Avances na estratexia de internacionalización de Galicia en México

Compre salientar os resultados da viaxe do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a México.

En primeiro lugar a visita a colectividade galega de México coa que mantivo un encontro no que destacou o papel das comunidade galegas como “embaixadas comerciais de primeira orde” para axudar aos emprendedores da Galicia territorial na busca de novos mercados e novos investidores.


Lembrou nesa xuntanza que moitos dos galegos da diáspora foron emprendedores e profesionais de éxito nos países de acollida e agradeceu especialmente á Unión Mexicana de Empresarios galegos o seu compromiso “constante, eficaz e solidario” coa internacionalización das empresas galegas, coa proxección exterior da nosa economía e co seu traballo constante de pór en valor a marca Galicia; e tamén o traballo constante de todos aqueles galegos que, co seu traballo individual, contribúen a desenvolver as relacións económicas e produtivas de Galicia en México.


En segundo lugar salientar o encontro con algúns dos principais emprendedores de México, cos que explorou posibles vías de intercambio económico e que lle manifestaron o seu interese en contar con Galicia como “socio prioritario” de cara ao futuro.

Feijóo puxo de manifesto que o país americano ofrece moitas posibilidades de negocio aos emprendedores e investidores galegos, xa que ten en marcha un plan de modernización en sectores nos que Galicia conta con experiencia e capacidades acreditadas. Entre eles, recordou as posibilidades de intercambio económico no eido das infraestruturas, unha das apostas máis firmes do Goberno mexicano; así como nos sectores do téxtil, do turismo, da enerxía eólica ou da aeronáutica.

Sen dúbida o máis relevante foi o encontro mantido onte entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o titular do Goberno de México, Enrique Peña Nieto, que acordaron reforzar a alianza estratéxica entre PEMEX e Galicia nun encontro no que o titular da Xunta apoiou as conversas entre a petroleira e estaleiros galegos para pechar novos contratos neste semestre. De xeito concreto, trátase de que Galicia siga participando na renovación da flota menor emprendida por PEMEX, que suporá un investimento de 240 millóns de dólares.

Informa a Xunta que o final da reunión co presidente mexicano Feijóo agradeceu a súa “confianza continuada” nun dos principais sectores produtivos de Galicia, como é o naval. Así, recordou que Peña Nieto xa confirmara os compromisos adquiridos na súa visita á Moncloa tras ser elixido presidente e constatou que “ese compromiso ten hoxe continuidade con novos avances e novas concrecións”.

“A reunión serviu para constatar que a alianza estratéxica de Galicia con PEMEX seguirá vixente durante os seis anos que Peña Nieto estea á fronte da Presidencia mexicana”, subliñou Feijóo, e engadiu que ademais a alianza estratéxica firmada con PEMEX, o 24 de maio de 2012, segue ofrecendo novas oportunidades aos estaleiros galegos que suporán máis carga de traballo e, por tanto, máis emprego e riqueza para o sector naval.

Nesta liña, mostrouse satisfeito polo feito de que unha das principais petroleiras do mundo “siga contando con Galicia” para os seus plans de futuro, con novas operacións que se unen á xa firmada por PMI --empresa filial de PEMEX-- co estaleiro público Navantia e co estaleiro privado Barreras para a construción de dous floteis. Do mesmo xeito, tamén renovaron a aposta de PEMEX por establecer no Porto Exterior de Punta Langosteira unha das súas principais bases loxísticas en Europa.

Así, resaltou que Peña Nieto non só mostrou o seu firme compromiso cos acordos alcanzados no naval e no sector portuario desde o ano 2012 senón que tamén puxo de manifesto a súa receptividade para que se materialicen novas operacións no futuro. Para o presidente Feijóo isto é moi importante porque supón recoller “novos froitos” da constante colaboración que estaleiros galegos e mexicanos veñen desenvolvendo desde fai tempo, grazas aos encontros que celebraron tanto en Galicia como en México nos últimos meses.

“Galicia é un socio estable para os plans de crecemento da petroleira PEMEX”, destacou o presidente da Xunta, e atribuíu o mérito á capacidade, á experiencia e á profesionalidade do sector naval, que “segue convencendo” con independencia dos cambios directivos producidos na petroleira ou do relevo no Goberno Federal ocorrido nas pasadas eleccións mexicanas. De feito, Feijóo desvelou que PEMEX ten manifestado o seu interese por participar no accionariado de estaleiros galegos. A maiores, ao longo da súa estancia en México, o presidente galego ten constatado que diversos investidores privados tamén estudan a posibilidade de entrar no capital de empresas do naval galego.

Durante o encontro entre Feijóo e Peña Nieto, tamén analizaron a posibilidade de que a cooperación entre ambos os dous países se estenda a outros sectores económicos, entre os que citaron a automoción, o lácteo, o téxtil, o eólico ou as novas tecnoloxías.

Segundo o presidente da Xunta, en todos eles Galicia conta con un liderado histórico que lle permite aspirar a participar nos plans de modernización iniciados polo goberno mexicano. Non en van, o ‘Pacto por México’ posto en marcha por Peña Nieto supón unha inversión anual superior a 40.000 millóns de dólares, dos cales máis da metade teñen que ver con infraestruturas a desenvolver por PEMEX.

Unha das fórmulas máis útiles para lograr o obxectivo é, segundo ambos mandatarios, avanzar na colaboración dos centros tecnolóxicos e dos sectores produtivos para a transferencia de tecnoloxía. Deste modo, poderían xerarse economía de escala do coñecemento que permitan ás empresas de ambos os dous países ser máis competitivas dentro dos mercados internacionais e o desenvolvemento de proxectos innovadores conxuntos.

Celebro moito os resultados desta estratexia de internacionalización de Galicia emprendida polo presidente Feijóo, que abren mercados e posibilidades de negocion un momento moi difícil para a nosa economía, e xustamente cunha economía da importancia dos Estados Unidos Mexicanos.