domingo, 7 de abril de 2013

Apostemos por un clima democrático de entendemento e respeto, dentro das lexítimas discrepancias

Non sería normal que sendo hoxe noticia en moitos medios de comunicación o acontecido ao titular deste blog, non fixera nengunha referencia nel.

Onte sábado, recibín por vía telefónica a noticia de que ás portas do meu domicilio particular atopábanse unhas persoas pertencentes á Plataforma "Stop Desafiuzamentos" que realizaban o que se deu en chamar un “escrache”.

Como me atopaba noutro lugar, rápidamente encamiñeime a casa e cando cheguei só puiden ver uns carteis pegados na fachada do portal e unha carta mecanografiada que me dirixían na que me trasladaban a problemática das execucións hipotecarias e dos desafiuzamentos, plantexaban unhas solucións mínimas (dación retroactiva, paralización dos desafiuzamentos e o aluguer social) e pedían que cando fosen as votacións votase en conciencia e máis alá da disciplina de voto do meu partido.

A uns cen metros de distancia e na mesma rúa vin un grupo de persoas na beirarrúa e pensei que quizais fosen eles, e efectivamente así foi. De modo que lles saudei e entabléi con eles unha conversa na que me trasladaron as súas formulacións xerais sobre a cuestión, as suas pretensións de reforma e tamén algunhas persoas directamente afectadas por procedementos de execución hipotecaria e desafiuzamentos, a sua problemática concreta.

Pola miña banda informeilles dun modo sintético da situación actual da tramitación do Proxecto de Lei dos debedores hipotecarios, de reestructuración da débeda e do aluguer social, que en forma de texto refundido recolle as achegas de todos os grupos parlamentarios, en forma de enmendas presentadas durante o trámite das dúas iniciativas lexislativas, unha deles a Iniciativa Lexislativa Popular.

Díxenlles que o texto en fase de tramitación busca a protección do deudor hipotecario, e conseguir un equilibrio para que o mercado hipotecario siga funcionando e todo o mundo poida ter acceso a unha vivenda.

Entre outras cousas falei de que contempla a suspensión inmediata e por un prazo de dous anos dos desafiuzamentos das familias que se atopen nunha situación de especial risco de exclusión. Unha suspensión dos lanzamentos que afectará ás persoas que se atopen dentro dunha situación de especial vulnerabilidade, mediante o cumprimento duns requisitos.

Dixen que o texto introduce melloras no mercado hipotecario a través da modificación da Lei Hipotecaria e outras normas. Por exemplo que na venda extraxudicial introdúcese a posibilidade de que o notario poida suspender a mesma cando as partes acrediten que se solicitou ao órgano xudicial competente, que dicte resolución decretando a improcedencia de devandita venda, por existir cláusulas abusivas no contrato de préstamo hipotecario, ou a súa continuación sen a aplicación das cláusulas abusivas. Ademais, se faculta expresamente ao notario para que advirta ás partes de que algunha cláusula do contrato pode ser abusiva. Modificacións adoptadas como consecuencia da Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 14 de marzo de 2013, dictada no asunto, polo que se resolve a cuestión prexudicial suscitada polo Xulgado do Mercantil nº 3 de Barcelona.

Reformas que en unión doutras supoñen un claro avance sobre o proxecto inicial.

Tamén nese diálogo -  que se desenvolveu con total normalidade - expresáronme que xulgaban insuficientes eses avances e tras facerme chegar as suas queixas e reivindicacións, pedíronme que votase a favor dos postulados da ILP aínda que iso supuxese romper a disciplina de voto do meu Grupo, ao que lles manifestei a miña negativa.

Recordeilles que a toma de decisión do voto é meditada e ponderada e que se fai na procura do interese xeral e no marco do contexto xurídico, económico e social, e que polo tanto cando cheque o momento votaremos en liberdade aquilo que entendamos responda a ese obxectivo.

Despedímosnos todos tras vinte minutos de conversa, con corrección, aínda que antes díxenlles que para falar cun deputado hai moitas canles e non é necesario nin tampouco procedente facelo ás portas dos seu domicilio particular, aínda que sexa de forma pacífica, como certamente ocorreu no meu caso, e moito menos cando non é así.

Remato esta crónica do acontecido, dicindo que a práctica totalidade dos representantes políticos do Partido Popular, escoitan a diario aos cidadáns e toman boa nota do que din, das suas queixas, das suas suxerencias e que todo eso serve en moitos casos para mellorar o funcionamento da xestión da actividade política e tamén para acertar nas reformas normativas.

Apostemos por un clima democrático de entendemento e respeto, dentro das lexítimas discrepancias.