lunes, 8 de abril de 2013

Diminuír o impacto dos procedementos de desafiuzamento



Salientar hoxe a  sinatura en Madrid, do convenio entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) polo que os xuíces se comprometen a alertar á Administración autonómica cando detecten “supostos de especial vulnerabilidade” nos procesos de desaloxo da vivenda.


Neste acto o presidente Feijóo resaltou que ese acordo fai patente “a existencia dun horizonte común” entre o Poder Xudicial, os concellos de toda Galicia e a Administración autonómica, que é o de “buscar o benestar dos cidadáns cando teñen dificultades obxectivas como é o caso dos desafiuzamentos”. 

O titular da Xunta salientou que o Goberno galego comezou hai pouco máis de catro meses a lexislatura co compromiso de “atender os problemas reais que están ocorrendo en Galicia” e apuntou que, “aínda que con menor énfase e en menor número, o certo é que tamén en Galicia temos dificultades ante casos concretos de desafiuzamentos por execución hipotecaria ou por falta de pagamento de rendas de alugueiro”.

Subliñou que por ese motivo, o primeiro que fixo a Xunta foi poñer 500 vivendas á disposición das persoas que sufran un desafiuzamento, xa sexa por falta de pagamento da hipoteca ou da renda. 

O titular da Xunta explicou que, en virtude do convenio asinado, cando un xuíz detecte unha “especial vulnerabilidade” nun afectado por un procedemento de desafiuzamento notificará este feito á comunidade autónoma e, esta porase en contacto cos servizos sociais do concellos para procurar, “en primeiro lugar, unha vivenda social e, en segundo lugar, unha vivenda en alugueiro”.

“Trátase, en consecuencia”, abondou Feijóo, “de acender as alarmas da Administración autonómica e dos concellos galegos para que, cun coñecemento directo da autoridade xudicial mesmo antes de ditar unha sentenza poidamos activar todas as nosas capacidades para diminuír o impacto” dos procedementos de desafiuzamento.

O presidente galego concluíu a súa intervención resaltando que “cada vez que unha familia perde o seu fogar se resenten os piares da convivencia”, polo que subliñou a importancia de establecer con este convenio “un marco da independencia do poder xudicial pero co compromiso do poder local e da Administración autonómica no que se refire ao ámbito territorial de Galicia.” 

Durante a firma do Convenio, Gonzalo Moliner, presidente do CGPJ, destacou que este acordo é unha cuestión de "xustiza social" dirixida a evitar que un lanzamento leve ao "desamparo total" a persoas especialmente desvalidas ou vulnerables. Así, resaltou que moitos cidadáns atópanse inmersos en procesos de execución que terminan con poxas e a adxudicación das súas vivendas nun procedemento de desafiuzanento por falta de pago, co conseguiente risco de exclusión social.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), José Manuel Rei Varela, enfatizou que os poderes públicos teñen a "obrigación de estar á altura dos problemas" da sociedade e de facelo "en tempo real con inmediatez". Son os servizos sociais municipais os que están presentes en cada barrio os que coñecen as situacións que están vivindo os seus cidadáns, por iso a información resulta fundamental para previr situacións como as que estamos vendo e sufrindo nestes tempos", finalizou.