Respostas da Xunta aos casos de desafiuzamento en que se detecte especial vulnerabilidade


Compre salientar polo seu carácter moi positivo o anuncio feito onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, relativo a inminente sinatura dun convenio entre o Goberno galego, o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) “para impulsar conxuntamente medidas de resposta aos casos de desafiuzamento nos que se detecten supostos de especial vulnerabilidade”. 

Feijóo recalcou que se trata dun “convenio innovador”, o primeiro deste tipo que se acorda no eido estatal. Ten como obxectivo o de establecer procedementos para, “desde o momento da sentencia ata os momentos posteriores, activar os mecanismos das administracións locais e a administración autonómica para poñer á disposición, no caso de que o xuíz acerte a ver un suposto de especial vulnerabilidade, os recursos públicos para ás persoas”.

O convenio establece que desde o momento mesmo da sentencia, o xuíz dará conta aos servizos sociais da Xunta e dos concellos da existencia dun caso de especial necesidade para que se poñan en marcha os programas de realoxamento e as medidas habilitadas cando se cumpran os requisitos establecidos.

Contempla dous supostos: a execución hipotecaria e a falta de pago da renda de alugueiro. 

No primeiro caso, o convenio establece que “o xuíz velará por que se teñan cumprindo os requisitos do Código de boas prácticas bancarias e, no caso de detectar unha situación de vulnerabilidade, dará conta á Consellería de Traballo e Benestar, e esta aos servizos sociais municipais, para que poidan analizar a problemática, concretar e adoptar medidas para paliar a situación”.

No caso de impagamento de rendas de alugueiro, informou de que o convenio establece “o mesmo procedemento e, ademais, que se achegará un folleto informativo dos servizos e programas de asistencia social autonómicos ou locais”.

Hai que valorar que o Goberno galego veña intentando intentando atopar, respectando a lexislación e dentro das suas posibilidades e mesmo fóra das propias competencias, solucións ás dificultades que están pasando as familias evitando unha situación de exclusión social.

Lembrar tamén que recentemente a Xunta puxo á disposición das familias, tamén desde competencias que non son propias, unha oferta de vivendas de promoción pública e unha oferta de vivendas en alugueiro a través do Programa Aluga, acadando un total de 500 vivendas.





Con la tecnología de Blogger.