martes, 5 de marzo de 2013

Sobre a Estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ourense.


Esta mañá en Ourense tivo lugar o acto de presentación do proxecto da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ourense. 

Foi na Subdelegación do Goberno en Ourense e nel estiveron presentes entre outros a directora xeral de Acuanorte, Isabel Pérez- Espinosa; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; e o alcalde de Ourense, Agustín Fernández.

Trátase dunha infraestrutura hidráulica que está enmarcada nun protocolo xeral de colaboración entre Goberno de España e Xunta de Galicia para o Plan Nacional de Calidade das Augas, Saneamento e Depuración 2007-2015.

Unha actuación declarada de Interese Xeral do Estado polo Plan Hidrolóxico Nacional. O investimento total desta actuación ascende a 49 millóns de euros, dos que Acuanorte achega 36,75 millóns de euros; a Xunta, 10,11 millóns; e o Concello de Ourense, 2,14 millóns.

A nova estación depuradora, contribuirá ao obxectivo estratéxico de mellorar o estado ecolóxico das augas, e multiplicará por tres o caudal medio que é capaz de tratar, ao pasar dos 285 l/s da EDAR actual aos 835 l/s da nova. Cabe engadir que esta depuradora terá capacidade para 350.000 habitantes equivalentes fronte aos 120.000 da existente.

A posta en servizo desta infraestrutura hidráulica céntrase na construción da nova EDAR que se situará na parroquia de Reza, nunha parcela anexa á existente. As novas instalacións permitirán un menor consumo enerxético e de reactivos e redución de biosólidos producidos, das emisións de olores e do volume de aire a desodorizar, así como a valorización de lodos pola súa aplicación agrícola.

No que se refire a instalacións, cabe destacar: espesador de lodos primarios, flotador de lodos, gasómetro, edificio de proceso de lodos, edificio de tratamento de sobrenadantes, tratamento terciario ou edificio de control.

Estes traballos tamén contemplan a demolición da actual EDAR co fin de solucionar problemas estruturais e operativos e a falta de capacidade de tratamento. Tamén se levará a cabo a construción de colectores e a restauración ambiental de zonas afectadas.

Sen dúbida unha excelente noticia pois Ourense necesita dar solución ao problema das deficiencias do actual sistema de depuración, e triplicar a capacidade de tratamento da depuradora actual.