A impresionante Autovía A-8 do Cantábrico

A miña visita de onte á provincia de Lugo permitiume coñecer a situación dos tramos abertos e o estado de construción da impresionante Autovía A-8 do Cantábrico coa que se pretende canalizar o importante tráfico de longo e medio percorrido que discorre polo norte peninsular, desde Galicia por Asturias e Cantabria ata o País Vasco.


Trátase dunha infraestructura clave para a conexión de Galicia coas redes transeuropeas de transporte e a cornisa Cantábrica, discorrendo o itinerario galego na súa totalidade a través da provincia de Lugo, entre as localidades de Ribadeo e Baamonde.


O tramo galego da Autovía do Cantábrico conecta directamente coa Autovía do Noroeste (A-6) en Baamonde, e a través dela, coa Autopista do Atlántico (AP-9), coa Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Portugal a través do itinerario IP-1 (Oporto, Lisboa) Tamén conecta con Ferrol a través da autovía autonómica AG-64 Ferrol-Vilalba e con Lugo a través da propia A-6.


Onte mesmo a Ministra de Fomento, Ana Pastor visitaba o tramo asturiano da autovía do Cantábrico entre Muros de Nalón e Las Dueñas de 8,3 km e afirmou que se poñería en servizo entre o 15 e o 20 de marzo.


Sen dúbida unha extraordinaria obra de enxeñería que abrirá unha nova vía de comunicación segura, moderna e eficaz para as comunicacións nacionais e internacionais, substituíndo á actual N-634 de San Sebastián a Santiago de Compostela.

Con la tecnología de Blogger.