Sobre o Balance de Criminalidade en 2012

Hai poucas datas o Ministerio do Interior divulgou o Balance de Criminalidade correspondente ao ano 2012. Trátase dun informe que pon de relevo a evolución da criminalidade rexistrada no noso país polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Corpos de Policía dependentes das diferentes Comunidades Autónomas.


Os datos sobre criminalidade atenden a uns indicadores de seguridade concretos, como son a cifra total de delitos e faltas, homicidios dolosos e asasinatos consumados, delincuencia violenta, roubo con violencia ou intimidación, roubos con forza, sustracción de vehículos a motor, tráfico de drogas, danos, e hurtos. A gran maioría destes indicadores correspóndense cos que establece a Oficina Europea de Estatística (EUROSTAT).


Total Nacional:

Houbo en 2012, 2.268.665 delitos e faltas, 16.860 menos que en 2011 o que supón un descenso do 0,7 %.


No ámbito que comprende os valores á baixa, apréciase un descenso importante das categorías dos homicidios dolosos e asasinatos consumados (-5,7%), que corrobora unha tendencia na disminución dos delitos contra a vida; dos delitos de sustracción de vehículos a motor (-7,8%); e, a continuación, e segundo a importancia da disminución de feitos delituosos, sucédenlles outras tipologías delituosas como o tráfico de drogas (-4,7%), os roubos con forza (-2,2%) e os danos (-3,1%).


Doutra banda, obsérvase que experimentaron un incremento máis relevante, en primeiro lugar, aqueles feitos delituosos que están vinculados aos roubos con forza nos domicilios (25,4%), e a continuación os roubos con violencia e intimidación (10,4%). Tamén no aspecto negativo, aínda que cunha incidencia porcentual menor, atópase a denominada delincuencia violenta, cun incremento do 7% respecto de 2011.

Salientar que a incidencia da criminalidade en España mantense entre as máis baixas da Unión Europea



Galicia:


Houbo en 2012, 83.132 delitos e faltas, 1.317 máis que en 2011, o que supón un aumento do 1,6 %


Destaca o crecemento nun 14,9 % dos delitos de roubo con violencia e intimidación, así como o aumento nun 33,8 % dos roubos con forza en domicilios. No lado positivo cabería destacar o descenso do tráfico de drogas nun 6,1 %


Ourense:


Houbo en 2012, un total de 8.839 delitos e faltas, 885 máis que en 2011, o que supón un aumento do 10,7 %.


Chama especialmente a atención polo negativo o crecemento nun 88,1 % dos delitos de roubo con violencia e intimidación, así como o aumento nun 80,6 % dos roubos con forza en domicilios e o crecemento nun 53,7 % da delincuencia violenta. No lado positivo cabería destacar o descenso do tráfico de drogas nun - 42,1 % .


Con independencia de que a provincia de Ourense sexa tradicionalmente unha provincia con baixa delincuencia en relación á súa poboación, o certo é que os últimos datos coñecidos de 2012 móvennos á preocupación e estou seguro e moi confiado en que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado adoptarán as medidas necesarias para rebaixar estas taxas. 

O Balance de Criminalidade correspondente ao cuarto trimestre de 2012 pode consultarse íntegramente na páxina web do Ministerio do Interior  (www.interior.gob.é).

Con la tecnología de Blogger.