Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que Galicia “segue a ser unha comunidade de referencia” para o resto do Estado logo de pechar o exercicio de 2012 cun déficit público do 1,19 por cento.
Este dato, en palabras de Feijóo, proba que a nosa comunidade “un ano máis, volve cumprir” os criterios de “sustentabilidade” e de “solvencia” das contas públicas.
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo galego, Feijóo puxo de relevo os datos de execución orzamentaria das comunidades autónomas feitos públicos hoxe polo Ministerio de Facenda, para subliñar que, Galicia, “volve controlar o déficit público dentro dos parámetros aprobados para as comunidades autónomas no Consello de Política Fiscal e Financeira”, o que nos sitúa como “a comunidade de referencia continuada” desde o ano 2009, 2010, 2011, e “tamén co compromiso de facelo no 2013”.
Unha xestión pública realista que xera confianza
Alberto Núñez destacou a importancia de ter conseguido este obxectivo porque “confirma que a Xunta de Galicia xestionou na pasada lexislatura con realismo”. “Non fixemos previsións de ingresos que non se foran cumprir e non deixamos a gobernos que nos sucedan buratos en ingresos superiores a 2.000 millóns de euros” coma os da lexislatura 2005-2009, indicou.
“Ao contrario –puntualizou Feijóo-, isto significa que estamos xerando confianza, que é o primeiro requisito para reiniciar un proceso de crecemento económico”. “Xerar confianza é importante para que os mercados financeiros compren a débeda pública da comunidade autónoma como están comprando, para que os investidores aposten por Galicia, para que os nosos provedores cobren de acordo cos contratos e as prestacións que teñen contratadas coa Xunta de Galicia, para que todos os cidadáns galegos se sintan ben administrados, e para que os seus impostos e os seus esforzos fiscais teñan uns administradores responsables detrás”, aduciu.
“Somos unha das poucas comunidades autónomas que vemos mantendo unha liña de cumprimento do déficit público, que non está necesitando acudir ao Fondo de Liquidez Autonómica e, polo tanto, imos seguir por ese vieiro”, adiantou. “Creo que é o vieiro que os galegos nos piden e, por outra parte, é o vieiro que temos a obriga de conquerir entre todos”, aseverou.
Feijóo concluíu agradecendo “a todos os que traballaron durante todo este ano 2012 para que Galicia siga manténdose como unha comunidade de referencia no cumprimento do déficit público, para que non se deixen facturas nos caixóns e para que Galicia non teña que ser rescatada pola facenda estatal e sigamos blindando o autogoberno, que é exactamente o cumprimento do Estatuto de Autonomía, -apostilou-. Blindar o autogoberno e blindar a solvencia da comunidade autónoma”, concluíu.
Parabens ao presidente Feijóo, e a todo o seu goberno pola enorme importancia destes datos de execución orzamentaria que posibilitarán un mellor fururo para os galegos e as galegas.