viernes, 18 de enero de 2013

Sobre a xestión sanitaria do SERGAS


Esta semana coñecimos que o Servizo Galego de Saude continúa garantindo o compromiso asumido de atender as prioridades máis graves (prioridade 1) por baixo dos 30 días, e as patoloxías graves (prioridade 2) arredor dos 60 días. Así, o tempo medio de espera en pacientes de prioridade 1, a 31 de decembro de 2012, situábase en 17,2 días en todos os centros sanitarios e a cifra é de 16,3 en centros do Sergas.

Así mesmo, a media global de espera cirúrxica nos hospitais do Sergas, en 2012, era de 63,6 días se se contabilizan só os centros da rede do Servizo Galego de Saúde. Mentres que se se inclúen todos os centros, a espera cirúrxica sitúase en 83,4 días.

Tamén continúa a aumentar a realización de cirurxías nos centros de saúde. Xa que no 2012 fixéronse un total de 17.842 intervencións, o que supón 1.132 máis que no 2011.

Así mesmo, o SERGAS informou que o número de pacientes en espera dunha primeira consulta en atención hospitalaria experimentou, no 2012, unha diminución de 34.904, e que este indicador é produto do esforzo coordinado de todos os profesionais e dunha estratexia combinada de accións entre as que salientou o aumento da capacidade resolutiva da atención primaria, que se traduciu nunha diminución das derivacións feitas; da atención compartida dos pacientes polos propios profesionais de ámbolos dous niveis asistenciais, o que é posible grazas ao esforzo feito na xestión integrada; do uso da historia clínica electrónica única e compartida como elemento vertebrador da asistencia; e, ademais, tamén como consecuencia da incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación en xeral na atención aos pacientes e na relación entre profesionais.

Son datos moi positivos que demostran que Galicia segue sendo un referente nacional no ámbito sanitario pero non cabe auto complacencia mentres haxa un só paciente esperando, ainda que os datos indican que vaise na dirección axeitada.