martes, 22 de enero de 2013

Sobre os contratos dos estaleiros galegos com Pemex

Hoxe tivemos unha reunión da Deputación Permanente na que debatemos unha amplísima orde do día.

Entre outras a petición formulada polos Grupos Parlamentarios Mixto (BNG) e de IU, ICV-EUiA, CHA: A Esquerda Plural, de que se acordase a celebración dunha sesión extraordinaria da Comisión de Industria, Enerxía e Turismo coa seguinte orde do día:

"Comparecencia do Ministro de Industria, Enerxía e Turismo, para que explique que xestións e medidas está adoptando ante o atraso na adxudicación de dous buques hotel que a empresa PEMEX (México) vai sacar a concurso e aos que aspiran os estaleiros galegos de Barreras e Navantia Ferrol, despois do contrato asinado coa petrolera mexicana no mes de setembro pasado”

Intervín en nome do Grupo Parlamentario Popular (GPP) e opúxenme á celebración desta comparecencia extraordinaria do ministro de Industria, José Manuel Soria, por entender que non hai ningún motivo que xustifique unha explicación urxente sobre os contratos subscritos o pasado 19 de setembro entre os estaleiros galegos Navantia-Ferrol e Barreras-Vigo e a empresa PMI (Pemex Comercio Internacional) para a construción de dous buques floteis.

Reiterei que a alianza establecida con Pemex avanza, como o reflicte a firma dos contratos cos asteleiros, e expliquei que para iniciar a construción dos floteis era necesario que os estaleiros levasen a cabo a elaboración dos informes técnicos dos buques e a constitución dos avais, proceso no que tamén se está avanzando.

Insistín en que a situación é a propia nun proceso desta envergadura e en que non hai nada que xustifique unha explicación urxente e extraordinaria. Critiquei o feito de que os partidos da oposición intenten sementar dúbidas sobre este proceso desde o seu inicio. “Primeiro criticaron a viaxe a México de Núñez Feijóo, logo puxeron en dúbida a propia firma dos contratos simplemente porque coincidiu coa campaña electoral e non lles conviña, e agora pretenden xerar polémica en canto aos prazos cando non hai ningún motivo”, dixen.

Recalquei que a firma destes contratos é froito da implicación política da Xunta e dos Gobernos español e mexicano e subliñei que quizais o éxito desta iniciativa, que garante carga de traballo para os asteleiros galegos, foi sempre minimizado por socialistas e nacionalistas para non recoñecer o que é unha xestión eficiente por parte dos Gobernos do PP tanto de Galicia como de España.

“O que os cidadáns necesitan é que a oposición arrimase o ombreiro para que este proceso saíse adiante en lugar de criticalo e sementar dúbidas xerando desconfianza sobre Galicia e o seu Goberno”, afirmei.

Igualmente puxen en valor a instalación da terminal de hidrocarburos de Pemex en Punta Langosteira, unha decisión que permitirá incrementar o tráfico do porto da Coruña.