Reelixido presidente do PP de G Alberto Núñez Feijóo


Este fin de semana estiven en Lugo participando no XV Congreso do PPdeG, no que Alberto Núñez Feijóo saiu reelixido presidente do PPdeG revalidando o cargo cun 98,7% dos votos

No seu discurso Feijóo, agradeceu o apoio e a confianza depositada nel para presidir o partido maioritario e con máis afiliados de Galicia nesta nova etapa.

Afirmou coñecer as súas obrigas como presidente, que son dedicación, esforzo, sacrificio, honestidade, legalidade e servizo público, e asegurou que calquera cousa que non sexa iso non é o Partido Popular.

Asegurou que ninguén vai desviar ao partido diso nin nada nin ninguén cambiarán o que significa ser do PP, algo que supón dereitos pero tamén deberes: ter dereito a formar parte dun proxecto político, a participar nel, a opinar, dialogar, propoñer e a discrepar. Pero tamén supón xestionar con responsabilidade e pensando nas xeracións futuras, fortalecer Galicia e España, ser consciente de que se actúa en nome de miles de afiliados e tamén supón deberes ante a sociedade, por diante do partido e por diante dun mesmo.

Por outra banda, Alberto Núñez explicou que os cidadáns teñen dereitos e os dirixentes políticos, deberes.


"Por tanto, os cidadáns teñen dereito a uns políticos cos que sentirse identificados, a unha política que aporte solucións, a unha xestión que non os volva levar á situación actual e a explicacións ante todo o que requira delas. Pola súa banda, os políticos asumen as responsabilidades sabendo que teñen deberes que cumprir. Quen vaia en contra dos dereitos dos cidadáns e non cumpra co seu deber equivócase de partido e de presidente.

UN PPdeG MELLOR QUE O PPdeG

Feijóo tamén destacou a necesidade de tentar ser “mellores que nós mesmos e esixirnos máis a nós mesmos” xa que cando os cidadáns votan maioritariamente ao PPdeG é porque agardan máis deste partido que do resto; e mesmo cando fan protestas ante os actos dos populares é porque saben que só poden obter respostas desta formación.

Por iso, para o líder dos populares galegos, non chega con que o PP xestione mellor que o PSOE, estea máis unido que o BNG ou represente mellor aos galegos que IU e compañía: o PP ten que ser mellor que o PP.

Tampouco “chega con acadar maiorías amplas senón que hai que tentar maiorías completas e buscar o acordo sen descanso; non basta con xestionar mellor que os adversarios senón mellor do que se fixo ata agora; non chega con que máis cidadáns apoien o proxecto do partido senón que hai que chegar a todos para que saiban as razón polas que se fan as cousas”. Así mesmo, segundo Feijóo, tampouco basta con que Galicia estea mellor que España, senón que hai que esixir que os galegos estean mellor do que están agora e do que estiveron antes.

RENOVACIÓN

Como lembrou o presidente do PPdeG, os antecesores, con Manuel Fraga á cabeza, crearon un partido nos novos tempos para os novos tempos e desde a súa fundación esta formación ten a obriga de evolucionar.

Por iso, cómpre continuar modernizando as ideas sobre os principios do partido, seguir modernizando a estrutura do partido, continuar aportando novas propostas e solucións para a crise e hai que saber empregar todas as novas plataformas que permiten chegar á sociedade.

Así mesmo, segundo Feijóo, cómpre seguir abrindo o partido á cidadanía e a novos afiliados, escoitar e dialogar máis para poder actuar mellor, funcionar como un partido de 100.000 militantes e non de
territorios, e ser consecuentes co galeguismo e o reformismo dos estatutos.

Neste senso, sentenciou que non pode haber idea minifundista que obstaculice unha medida que pode favorecer a un galego e os populares non se poden xustificar no conservadurismo cando son reformistas.

Por outra banda, o Feijoo manifestou o seu desexo de que a sociedade recupere a esperanza na política xa que, como lembrou, todos os grandes cambios da sociedade “viñeron acompañados da política”, polo que é preciso renovala.

Así mesmo, tamén fixo fincapé na necesidade de seguir renovando Galicia, asegurando o seu porvir, reformando todo o que sexa necesario e tomando decisións pensando sempre no interese xeral.

Neste senso, recoñeceu que para a xente non é suficiente o que Galicia ten avanzando en todo este tempo pero cre que as reformas e as decisións terán merecido a pena.

Con respecto a isto, concluíu que quizáis “non volveremos a ser o mesmo país que fomos; pero estou seguro de que todos xuntos acadaremos un aínda mellor”.

Así mesmo, apuntou que o que enorgullecerá aos populares non serán as vitorias electorais senón ter axudado ao país cando o país máis precisaba dos populares; por iso, apuntou que “non gañaremos ata que a vitoria sexa de toda Galicia ante o noso único inimigo: a crise.

Salientar que foi reelixido secretario xeral, Alfonso Rueda Valenzuela que será apoiado por un vicesecretario único, Agustín Hernández e a nova voceira Paula Prado.

Parabens a todos eles.

A miña responsabilidade no PP de G, despois das votacions deste Congreso seguirá sendo a presidencia do Comité de Dereitos e Garantías.

http://www.ourensedixital.com/_novas/13/01/21_04.htm


Con la tecnología de Blogger.