domingo, 30 de diciembre de 2012

Orzamentos da Xunta: os máis sociais da historia da autonomía


A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, entregou o pasado venres 28  no Parlamento de Galicia o proxecto de Lei de Orzamentos para 2013, os máis sociais da historia da autonomía, cun 77% do gasto destinado a sanidade, educación e servizos sociais, co que gañan 8,9 puntos de peso desde o ano 2009.

A Xunta aprobou uns orzamentos realistas e axustados ao momento actual, no que esta blindaxe do gasto social é compatible con que o axuste dos gastos de capital sexa catro veces inferior ao conxunto das autonomías, pois Galicia é a segunda comunidade en termos absolutos que máis recursos destina a investimentos.

As contas autonómicas do Goberno de Alberto Nuñez Feijoo seguirán reducindo o déficit público e a caída do 2,5% respecto á capacidade de gasto deste ano virá dada fundamentalmente porque se reduce á metade o endebedamento da comunidade autónoma.

As prioridades son continuar un exercicio máis garantindo a solvencia da Facenda autonómica e o mantemento da prestación dos servizos públicos esenciais, pensando  no presente pero tamén no futuro co obxectivo de, unha vez que foi a primeira autonomía que controlou o déficit público, ser tamén unha das primeiras en conseguir saír da crise.

Hai que salientar o dato de que con  2.100 millóns de euros de capacidade de gasto, no nivel do ano 2006, o goberno de Feijoo ten que ser capaz de prestar os servizos públicos que os galegos necesitarán en 2013.

Os Orzamentos  continúan co seu esforzo en áreas chaves, como os concellos, que contarán en 2013 con 125 millóns de euros e que acumulan un financiamento adicional de 78 millóns de euros desde o ano 2010, polo que a Xunta mantén o seu esforzo pese a que as dispoñibilidades de recursos seguen caendo.

Igualmente, se fai un esforzo similar, sostido no tempo, coas universidades, xa que se garante o cumprimento do seu sistema de financiamento e se mellora en dous millóns de euros o capítulo dedicado a I+D+i. Como resultado desta aposta, o seu peso no total do gasto non financeiro da Xunta gañou máis dun punto en tres anos e, con 371 millóns de euros, xa representa o 4,3% do orzamento.

A Comunidade Autónoma según este proxecto contara  en 2013 cun gasto non financeiro de 8.479 millóns de euros, un 2,5% inferior á capacidade de gasto deste exercicio, e cumprirá coa redución do déficit en máis de 400 millóns de euros, ata o 0,7% do PIB, polo que diminuirá o recurso ao endebedamento en máis da metade en relación a 2012. Este axuste orzamentario para o vindeiro exercicio supón tres veces menos que a media de rebaixa das comunidades autónomas, que se sitúa en torno ao 7%.

Como salientou a Conselleira de Facenda  o control do endebedamento durante os últimos catro anos, axustándose ao pactado no Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF), permitirá que os gastos financeiros da Comunidade galega aumenten tres veces menos que a media das autonomías e é a comunidade en que menos se incrementa.

Para reforzar a aposta pola reactivación económica e sentar as bases para poder recuperar taxas positivas da economía as contas inclúen un novo Fondo de Crecemento, dotado con 386 millóns de euros, coherente co Plan Estratéxico, para mellorar a eficacia dos investimentos autonómicos.

Finalmente salientar que o Proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade galega para 2013 reforza a aposta do Goberno autonómico polo equilibrio do territorio priorizando o gasto por habitante nas provincias de Ourense e Lugo fronte ás de Pontevedra e A Coruña, pois os recursos que destina por habitante nas provincias interiores son un 50% superiores ás atlánticas.

Así, a suma dos investimentos da administración xeral e dos entes dependentes supón que o gasto por habitante será o vindeiro ano de 778 euros na provincia de Ourense e de 767 na de Lugo, mentres que á de Pontevedra se destinará 538 euros e á de A Coruña 503. Desta forma, a de A Coruña terá unha dotación global de 576,9 millóns de euros; a de Pontevedra, de 518,6; a de Lugo de 269,8; e a de Ourense, de 259,3 millóns de euros.

Agardemos a sua tramitación parlamentaria.