Hoxe, todos podemos defender Galicia, cadaquén desde as súas responsabilidades


Remata 2012, e quero pechar a miña actividade no blog coa referencia as ideas mais salientables expresadas hoxe na mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desde a fermosa casa natal de Rosalía de Castro.

Apelou á unidade das forzas políticas “para saír adiante antes e con máis forza”. “Hoxe, todos podemos defender Galicia, cadaquén desde as súas responsabilidades. O meu compromiso é defender Galicia desde o Goberno galego. E a miña esperanza é poder facelo cada vez con máis achegas, cada vez con máis colaboración, do resto das forzas políticas e especialmente do principal partido da oposición”, aseverou.

Feijóo asegurou que esa unidade é demandada polos cidadáns e convidou a que o novo ano 2013 permita alcanzala, e que Galicia poida seguir sendo un modelo neste eido, como xa o é a día de hoxe noutros ámbitos. “Igual que nos anticipamos en decisións fundamentais para o futuro como a eficiencia, a disciplina orzamentaria ou a planificación, por qué non facer de Galicia tamén un paradigma de unidade política”.

Nun ano difícil para moitos galegos, Alberto Núñez reiterou o compromiso da Xunta cos desempregados. “Quero que saiban que están presentes en todas e cada unha das decisións que o Goberno galego adopta. Xunto a eles libramos unha loita na que contamos coa solidariedade dos que afortunadamente temos traballo nestes tempos difíciles. Máis cedo que tarde, entre todos, lograremos cambiar a situación”.

O presidente do Goberno galego afirmou que tanto no exterior coma no interior, a nosa forma de ser impúlsanos cara a tarefas conxuntas: “Cara fóra, Galicia é unha comunidade estable, con rumbo seguro e horizonte certo, que camiña a carón de España e Europa. E cara dentro, Galicia forma unha gran familia unida polos problemas e polas solucións. A galeguidade –dixo- non é outra cousa que unha man tendida ao galego que temos ao noso lado, e aos que comparten con nós unha mesma visión do progreso e da liberdade”.

Feijóo deu fe do prestixio que iso supón cando Galicia se fai presente no exterior. “Visto con ollos alleos, o noso país mestura tradición e modernidade. Somos o emigrante capaz de compartir a fidelidade á súa terra de orixe, co compromiso coa súa terra de adopción. Somos a gran empresa e a multinacional que innova, que compite, que é fiable. Somos o pobo que ten logrado manter e mellorar os seus servizos públicos, malia a incerteza xeneralizada na nación española. Somos o equipo que, en distintos lugares e disciplinas, ten logrado grandes éxitos deportivos neste ano que remata. Somos respectados e queridos, e por iso non resulta ilusoria a idea dunha Galicia global, que faga posible que nós esteamos no mundo e que o mundo estea en nós”.

Deste xeito, Alberto Núñez concluíu salientando que os máis maiores, que lembrarán os tempos duros do pasado nos que parecía perderse a esperanza; e os máis novos, que sentirán a forza para continuar coa transformación; “todos son Galicia”. “Todos danlle ao noso país unha enerxía que fará do 2013 un tempo para empezar a rexurdir”.

! Feliz ano 2013 a todos os seguidores deste blog!

Con la tecnología de Blogger.