sábado, 8 de diciembre de 2012

Avanza o Arquivo e a Biblioteca de San Francisco


Onte o Consello de Ministros autorizou a celebración do contrato para a realización das obras que permitan terminar a construción e rehabilitación do Arquivo Histórico Provincial e Biblioteca Pública do Estado no antigo Convento de San Francisco en Ourense.

As obras foran iniciadas a finais do ano 2003 e quedaron paralizadas en 2006 por causas imputables á empresa adxudicataria, sendo obxecto de litixio e posterior resolución do contrato de execución en 2008.

Coa autorización aprobada hoxe polo Consello de Ministros, a Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura, organismo autónomo do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte poderá levar a cabo a licitación da obra, cuxo resultado será a dotación para a cidade de Ourense destes importantes espazos culturais.

Esta actuación comprende a conclusión de tres edificios en obras con distinto grao de execución. Así, intervirase en dúas edificacións executadas nun 70 por 100, aproximadamente, que son as destinadas a albergar a nova Biblioteca Pública do Estado e a que acollerá o depósito do Arquivo. E, tamén, no edificio histórico do antigo Convento de San Francisco, no que se acometerá unha intervención completa ao non haberse iniciado a súa transformación para convertelo en sede do novo Arquivo Histórico Provincial.

Salientar que no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2013 o Ministerio de Cultura ten previsto un investimento total en Galicia de  2.035.000 €, dos que, un total de 2.000.000 de euros adícanse íntegramente para a Biblioteca e o Arquivo de San Francisco.