domingo, 9 de diciembre de 2012

Sobre a actividade parlamentaria da vindeira semana





A vindeira sesión plenaria no Congreso comezará o martes, 11 de decembro, ás 16:00 horas co debate de toma en consideración de dúas Proposicións de Lei. A primeira delas, é unha Iniciativa Lexislativa Popular para o emprego estable e con dereitos. 

A segunda Proposición de Lei é do Grupo Parlamentario Socialista, e busca a modificación da Lei Orgánica 5/1995, de 22 de maio, do Tribunal do Xurado, para a súa adaptación á Convención de Nacións Unidas sobre Dereitos Humanos das persoas con discapacidade. 

O Pleno continuará co debate de tres proposicións non de lei. A primeira delas, rexistrada polo Grupo Popular, é relativa ao exercicio da capacidade xurídica polas persoas con discapacidade en igualdade de condicións que as demais en todos os aspectos da vida. 

A segunda proposición fala de evitar o desmantelamento do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. Neste caso a iniciativa foi presentada polo Grupo Parlamentario Socialista. 

A última das proposicións de lei, dos grupos parlamentarios Popular, Socialista, de CIU; de EU, ICV-EUiA, CHA; de UPyD e do PNV, pide a promoción dentro da Estratexia de Saúde Mental de accións para unha redefinición dos obxectivos e accións de prevención do suicidio. 

A sesión plenaria do martes concluirá con dúas mocións consecuencia de interpelacións urxentes. Unha do Grupo Parlamentario Socialista, sobre as medidas que pensa adoptar o Goberno ante a privatización dos servizos públicos de saúde e as crecentes desigualdades territoriais no acceso á prestación dos servizos sanitarios; e, a outra, do Grupo Parlamentario Mixto, sobre as previsións de cambio do modelo de política penal. 

O mércores, ás 9:00 horas, terá lugar a sesión de control ao Goberno coas preguntas formuladas polos grupos parlamentarios ao Executivo e o debate das interpelacións urxentes. 

O Pleno continuará o xoves, ás 9:00, coa convalidación ou derrogación do Real Decreto de medidas de consolidación e garantía do sistema da Seguridade Social. 

Estas medidas fixan un novo límite na disposición de activos do Fondo de Reserva da Seguridade Social e autorizan durante os exercicios 2012, 2013 e 2014 a disposición do Fondo de Reserva da Seguridade Social, a medida que xurdan as necesidades, ata un importe máximo equivalente ao déficit orzamentario das entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social. 

A continuación votaranse os ditames da Comisión Asuntos Exteriores sobre varios convenios internacionais. 

O Pleno pecharase co debate de totalidade do Proxecto de Lei de protección e uso sostible do litoral e de modificación da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas.

Ademais o mércores 12 de outubro presidirei a Comisión de Fomento do Congreso na que comparecerá o Secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, para explicar a política de vivenda.