Os problemas dos gandeiros de leite españois e, máis en concreto dos gandeiros galegos foron expostos onte no Pleno do Congreso pola deputada lucense, Olga Iglesias Fontal, que nunha pregunta oral ao Ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, expuxo as particularidades que a produción de leite ten en Galicia: o 38% da cota nacional prodúcese en Galicia, o 55 % das explotacións produtoras de leite son galegas e son os gandeiros galegos os que perciben o prezo máis baixo polo seu produto.
Recordou que o leite, leva vendendo por baixo dos custos de produción durante moitos meses, que a situación é tan insostible, que se require urxencia na aplicación de medidas, e esta situación é un clamor aínda máis grande en comunidades como a galega, onde os prezos do produto en orixe son os máis baixos de España.
Na súa resposta o ministro Miguel Arias Cañete, respondeu que o Goberno é moi consciente do incremento de custos que está padecendo o sector lácteo español e o galego singularmente polo alza dos prezos dos piensos, que non se ve compensado nin repercutido como noutros sectores gandeiros nos prezos ao consumidor.
Dixo que para abordar a solución a este problema o Goberno vai seguir en contacto permanente cos máximos responsables das comunidades autónomas onde o sector lácteo ten unha especial relevancia, singularmente con Galicia, co presidente e o seu conselleira, así como coas organizacións agrarias, cooperativas, industrias e empresas da distribución. E cos representantes dos produtores e os industriais integrados na interprofesional Inlac e coas asociacións representativas da distribución.
Informou que no plano comunitario, trasladou ao seu homólogo francés a necesidade de tomar medidas no marco do G-20 para evitar a volatilidade dos prezos das materias primas que estamos vivindo a escala mundial.
No ámbito comunitario dixo estar traballando para adoptar medidas necesarias que aumenten o abastecemento europeo de materias primas para alimentación animal con menores aranceis. Tamén no ámbito comunitario, no próximo Consello de Ministros da Unión Europea do 24 e 25 de setembro, España, co apoio doutras delegacións coas que mantivemos contactos, vai instar á Comisión á adopción urxente de cantas medidas prevé a organización común de mercados para atenuar a progresiva deterioración da mesma.
Afirmou que proporía a posta en marcha de restitucións á exportación, a ampliación de prazos e importes para axuda ao almacenamento privado, así como a necesidade de revisar os prezos de referencia da manteiga, o leite desnatada en po e a posibilidade de adoptar tamén outras medidas de mercado.
Coa industria e co sector da distribución afirmou a intención de subscribir nos próximos días un acordo de colaboración para mellorar a cadea de valor dos produtos lácteos e evitar as prácticas que destrúan valor do leite e destes produtos.
E engadiu que van publicar en breve un real decreto que desenvolva o paquete lácteo, que contemple a implantación de contratos nas transaccións como un xeito de dar transparencia e estabilidade aos prezos, que estableza os requisitos para impulsar a creación de asociacións de produtores e que dea un respaldo á interprofesional láctea. E tamén a pór en marcha tamén unha lei que regule o funcionamento da cadea alimentaria.