sábado, 9 de junio de 2012

Asistencia financiera do Eurogrupo para a recapitalizacion de institucions financieiras españolas

Esta tarde coñecemos a seguinte Declaración:

"O Eurogrupo apoia os esforzos das autoridades españolas para acometer con resolución a reestruturación do seu sector financeiro e saúda a súa intención de buscar asistencia financeira de Estados membros da zona euro con este fin.

O Eurogrupo foi informado de que as autoridades españolas presentarán en breve unha solicitude formal e está disposto a responder favorablemente a tal petición. A asistencia financeira sería fornecida polo Fondo Europeo de Estabilidade Financeira (FEEF)/Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) para a recapitalización de institucións financeiras. O préstamo será adaptado para prover un respaldo efectivo que cubra todos os posibles requisitos de capital estimados no diagnóstico que as autoridades españolas encargaron aos evaluadores externos e ás auditoras internacionais. O importe do préstamo debe cubrir requisitos de capital estimados cunha marxe de seguridade adicional, que se calcula suman ata 100.000 millóns de euros.

Logo da solicitude formal, unha avaliación debe ser entregada por parte da Comisión Europea, en colaboración co Banco Central Europeo (BCE), a Autoridade Bancaria Europea e o Fondo Monetario Internacional (FMI), así como unha proposta sobre as condicións necesarias para o sector financeiro que debe acompañar a asistencia.

O Eurogrupo considera que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que actuará como axente do Goberno español, podería recibir os fondos e canalizalos cara ás institucións financeiras afectadas. O Goberno español terá a plena responsabilidade da asistencia económica e asinará o Memorando de Entendemento.

O Eurogrupo observa que España xa implementou importantes reformas fiscais e reformas no mercado laboral e medidas para fortalecer a base de capital dos bancos españois.

O Eurogrupo confía en que España respectará os seus compromisos baixo o procedemento por déficit excesivo e con respecto ás reformas estruturais, con vistas a corrixir os desequilibrios macroeconómicos no marco do semestre europeo.

O progreso nestas áreas será revisado de cerca e regularmente en paralelo coa asistencia financeira.

Máis aló da aplicación decidida destes compromisos, o Eurogrupo considera que as condicións da asistencia financeira deberían centrarse en reformas específicas dirixidas ao sector financeiro, incluíndo plans de reestruturación en liña coas normas da UE sobre axudas estatais e reformas estruturais horizontais do sector financeiro nacional.

Invitamos ao Fondo Monetario Internacional (FMI) a apoiar a implementación e o control da asistencia financeira con informes regulares.