sábado, 12 de mayo de 2012

As claves da segunda fase da reestruturación do sistema financeiro

Onte venres o Consello de Ministros presidido por Mariano Rajoy aprobou dúas importantes decisións que supón un paso máis na reestruturación do sistema financeiro aprobada o pasado mes de febreiro.

A primeira delas consiste en facer unha valoración xeral do conxunto da carteira crediticia dos bancos en España. Para iso nomearanse dúas entidades evaluadoras independentes. O obxectivo fundamental é, como explicou o ministro de Economía e Competitividade, Luís de Guindos, "disipar calquera dúbida, calquera tipo incerteza" sobre os balances bancarios" e os activos neles incluídos.

A segunda medida, un Real Decreto Lei, supón un segundo paso no proceso de saneamento, de esforzo, en garantir a solvencia das entidades bancarias en España.

En febreiro de 2012 reforzáronse as provisións para os créditos morosos ligados á promoción inmobiliaria, e agora dáse un paso máis cos activos que aínda non se consideran malos.

En total, os créditos ligados á promoción inmobiliaria (non entran hipotecas a particulares, cuxa morosidade aínda é moi baixa) ascenden a 307.000 millóns de euros, dos cales, 184.000 son problemáticos e 123.000 son sans pero con alto risco de pasar a problemáticos. Sobre este último grupo actúase agora.

Eleváronse as provisións (ata o 80% para chan, 65% promoción en curso e 35% vivenda terminada), o que a maioría de entidades está cumprindo en 2012 ou 2013 se iniciaron procesos de fusión. O volume provisionado ascende a 54.000 millóns de euros. Tamén se produciron melloras no Goberno corporativo, con substanciais reducións de soldos para os directivos de entidades que nalgún momento recibiron axudas públicas.

A fase que agora se inicia representa un esforzo engadido para as entidades financeiras e ten unha orientación preventiva xa que actúa sobre activos que aínda non se consideran malos, co cal quedará cuberta prácticamente a totalidade dos créditos ao sector inmobiliario (en torno ao 80%), bos e malos.

Ese esforzo deberá restablecer a confianza no sector financeiro español, cuxa situación actual pódese considerar moi danada desde o punto de vista do seu acceso aos mercados maioristas de financiamento. De aí a súa altísima dependencia do BCE. O resultado é que o crédito non flúe e a economía está colapsada.

Trátase tamén de desparasitar á banca de todo o relacionado co sector do ladrillo para que sanee os seus balances e póidase dedicar en corpo e alma ao seu que é captar depósitos e dar créditos para proxectos solventes.

No decreto aprobado onte e que hoxe publica o BOE elévanse as provisións para os créditos bos pero potencialmente problemáticos, desde o 7% que se fixou na reforma de febreiro, ata un total do 30%. Isto supón para as contas de resultados dos bancos uns 30.000 millóns de euros. Fanse diferenzas segundo o tipo de activo entre chan, promoción en curso, promoción terminada, etcétera para alcanzar esa media do 30%

Aquelas entidades que non poidan cubrir cos seus propios recursos (beneficios) e necesiten aumentar capital para manterse nos estándares esixidos polas normas de solvencia, poderán solicitar apoio do FROB.

O FROB poderá inxectar capital a través de bonos convertibles continxentes (cocos). Estes títulos serían adquiridos polo FROB que desta forma faría un préstamo á entidade a cambio dunha remuneración, a un tipo de interese de mercado. Ese diñeiro terá que ser devolto nun prazo de cinco anos.

Pero en última instancia, se a entidade non está en condicións de pagar o interese e de devolver ao FROB a cantidade obtida a través dos cocos (un pouco o que ocorreu con Bankia e as preferentes) produciríase a compra de accións nunha porcentaxe determinada. Se é o 100%, sería unha nacionalización.

Non estamos pois ante unha axuda pública, trátase dun préstamo remunerado a prezos de mercado e recuperable nun prazo de cinco anos.

 Ao ser un préstamo computa como débeda pública (xa sexa emitida polo Tesouro ou polo propio FROB), mentres que se se trata de compra de accións derivadas de perdas por falta de pagamento computaría como déficit público.

 Nos dous casos estarían sometidos ás normas da competencia europea en relación ás axudas públicas. As entidades que recorran ao FROB, ademais, deberán presentar un plan de reestruturación.

O paso final é a creación de sociedades de xestión de activos, que supón o traspaso por parte das entidades financeiras dos créditos unha vez provisionados ou que se vaian a provisionar nos prazos previstos. O traspaso será obrigatorio para todos os activos. Quen necesiten axudas públicas, que terán un prazo de tres anos para desconsolidar; é dicir, sacar de balance os activos inmobiliarios.

Inicialmente só traspasaranse os activos problemáticos adxudicados; é dicir, os da primeira reforma.