viernes, 11 de mayo de 2012

Campaña informativa das reformas emprendidas polo Goberno de Rajoy

Hoxe tivemos en Santiago de Compostela unha xuntanza dos chamados maitines do PP de G na que tratamos diversos temas de actualidade.  Ao remate o secretario xeral Alfonso Rueda, anunciou en rolda de prensa que a nosa formación levará a cabo unha campaña informativa polas comarcas galegas na que os representantes públicos do PPdeG explicarán as medidas que está adoptando o Goberno de Rajoy.

Afirmou que as decisións que está tomando o Goberno central veñen marcadas pola pésima situación económica herdada do anterior Executivo, marcada polo déficit oculto e a gran débeda do Sistema Nacional de Saúde, que poñen a España nunha posición de emerxencia nacional.

Por este motivo, indicou, os populares sairán á rúa para detallar aos cidadáns as razóns das medidas que o Goberno central agora se ve obrigado a adoptar xa que consideran que merecen unha explicación.

Así, indicaránlles as causas de que agora se pida aos pensionistas que perciben rendas anuais de máis de 18.000 euros que paguen non máis de 18 euros ao mes en medicamentos, para que os que están no paro e non teñen prestacións non teñan que pagar nada polos seus fármacos.

Tamén explicarán os motivos de pedirlles ás rendas de máis de 100.000 euros anuais que paguen o 60% dos medicamentos que consuman e non o 40% como ata agora, para que os que subsisten cunha renda de integración non paguen nada.

Do mesmo xeito, afirmou, que os populares galegos farán fincapé en que as políticas de austeridade e de responsabilidade no gasto público que se veñen adoptando en Galicia desde hai tres anos e o feito de ser unha das comunidades que mellor controla o déficit permiten mitigar agora as medidas que está adoptando o Goberno central.

Así, no que atinxe á suba de taxas universitarias, Galicia estará no tramo mínimo da suba e as súas tarifas seguirán sendo das máis baixas do Estado.

Segundo Alfonso Rueda, os representantes públicos da formación –deputados nacionais, senadores e parlamentarios galegos- intentarán transmitir a todos os colectivos da sociedade galega a labor responsable que está a realizar o Goberno de España para non ser o principal problema da Unión Europea.

Tamen o secretario xeral do PPdeG indicou que uns 5.000 afiliados e simpatizantes participarán mañá no acto ‘Comprometidos con Feijóo’ que os populares celebrarán na Coruña e onde estará presente tanto Alberto Núñez Feijóo como o presidente provincial, Carlos Negreira, e varios dirixentes autonómicos e provinciais da formación.

O motivo do acto é representar o compromiso dos populares da provincia entorno á figura do seu presidente, demostrando a unión e a cohesión interna do partido e o apoio que ten Feijóo por parte dos populares non só na Coruña senón en toda Galicia.