domingo, 13 de mayo de 2012

Obxectivos: En España, corrixir; en Galicia, crecer

Onte celebrouse un almorzo multitudinario na Coruña, no que 5.000 afiliados e simpatizantes do partido que preside Carlos Negreira, se reuniron alí baixo o lema "Comprometidos con Feijóo"

Eu non puiden asistir por ter outras obrigas, pero para informarme leo na web do PP de G as principiáis menxases do presidente Alberto Núñez Feijóo, que pola sua importancia reproduzo nesta entrada.

Afirmou que “é mellor ter gobernantes responsables con decisións que poden producir desgaste que gobernantes irresponsables que produzan paro” e xeren déficit e empobrecemento, como ten feito o PSOE cando estaba no poder. 

Segundo Feijóo, é moi sinxelo e irresponsable ao mesmo tempo despreocuparse polas consecuencias que despois terán que arranxar outros e darse por derrotado pensando que as solucións e as vitorias virán solas, pero o PP non é como o PSOE nin como o BNG, e non poden permitir que iso volva a suceder. 

Feijoo lembrou que os cidadáns confiaron nos populares nos momentos máis complicados, para que fixeran o difícil e, segundo asegurou, o PP fíxoo, faino e seguirá facéndoo custe o que custe, xa que merecerá a pena para os cidadáns que están no paro e para unha sociedade que teña garantidas financeiramente as prestacións públicas esenciais. 

A XESTIÓN EN GALICIA

Sinalou que hai comunidades que teñen que facer agora axustes de 2.400 ou 4.400 millóns de euros mentres que en Galicia as contas están equilibradas; hainas tamén que teñen que pagar altos intereses pola súa débeda mentres que a solvencia de Galicia permite aforrar 187 millóns de interese de débeda. 

Afirmou que do mesmo xeito, mentres algunhas comunidades baixaron o soldo dos seus funcionarios, aquí mantéñense; mentres algunhas tiveron que acudir a un rescate para pagar ós seus provedores, en Galicia non fixo falta; mentres hai autonomías que teñen que ampliar o número de alumnos por aula, Galicia mantense como unha das comunidades con máis profesores por alumnos. 

Ademais, á beira doutras comunidades que teñen que reducir as opcións de bacharelatos, aquí mantéñense e tamén se constrúen novos hospitais públicos para abrilos, mentres noutras autonomías teñen que pechalos. 

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé en que hai comunidades que teñen que reducir prestacións públicas mentres que en Galicia, en tempos de crise, hai máis prazas públicas de residencia e gardería das que había en bonanza económica. 

Segundo o presidente do PPdeG, hai comunidades que ata hai ben pouco foron xestionadas como foi xestionada España ata hai tres meses ou como foi xestionada Galicia hai tres anos. En Galicia, desde hai tres anos, xestiónase con rigor e responsabilidade. 

Nesta liña, destacou que se pode buscar e comparar pero non se pode encontrar unha administración en toda España que teña sido xestionada con máis rigor e máis responsabilidade que Galicia. 

Feijóo lembrou as palabras de Rajoy, cando dicía que cada venres, no Consello de Ministros, se aprobarán reformas que revelan a irresponsabilidade e a frivolidade coa que España foi gobernada e, con respecto a isto, engadiu que, cada xoves, o Consello da Xunta toma e tomará decisións que revelan que en Galicia si se ten xestionado con rigor, si se ten xestionado con responsabilidade e iso supón beneficios para os galegos. 

Deste xeito,  poderánse evitar os axustes en educación e sanidade que se producen en toda España, o axuste que hai que facer en Galicia só é do 0,4% de toda España e esta semana facíase público que non subiremos os impostos pero recadaremos máis cunha nova Axencia Tributaria. 

UN GOBERNO RESPONSABLE

Feijoo lembou que a xestión socialista deixou a España camiñando por un fío e con risco de caer e a xestión do PP vai permitir aos españois poder camiñar sobre unha terra firme, estable e na que se pode confiar como, no peor momento, xa o é Galicia. 

Iso será así pese a que poida producir desgaste e desgustos para os responsables públicos; pese a que poida resultar impopular; pese a que haxa partidos que se queiran aproveitar das circunstancias que a súa nefasta xestión xeraron; e pese a que haxa cidadáns que, dun xeito perfectamente comprensible e de boa fe lamenten ou non acepten que teñamos chegado a esta situación. 

MÁIS POLÍTICA SOCIAL

O Presidente do PP de G recalcou que en plena crise, hai máis atención social que en bonanza co bipartito e seguirá a haber máis atención social. 

De feito, hai 2.700 maiores máis que reciben atención pública; 2.400 rapaces máis con acceso a praza pública de gardería; o triple de dependentes atendidos; 40.000 ordenadores no ensino público; e 35.000 rapaces que aprenden inglés no ensino público. 

Engadiu ademáis que, téñense mantido e incrementado as pensións non contributivas; púxose en funcionamento un novo Hospital Público en Lugo; estase construíndo un novo Hospital Público en Vigo; estase iniciando un novo Hospital Público en Pontevedra, vaise ampliar o Hospital Público de Ourense e estase ampliando o da Coruña 

OBXECTIVOS: EN ESPAÑA, CORRIXIR; EN GALICIA, CRECER

Segundo Feijóo, España aínda está na fase crítica de ter que corrixir todos os erros do pasado: debe corrixir unha política laboral que nos levou a cinco millóns de parados; a mentira económica de xerar e ocultar 27.000 millóns de déficit; a despreocupación por que a sanidade e a educación en España foran sostibles; e a desconfianza  internacional que produce España. 

Evidentemente, a Galicia todo isto non lle é alleo e inflúelle pero precisamente por ser austera cando tiña que selo, por ser eficiente cando tiña que selo, por ser rigorosa cando tiña que selo e por ser responsable cando tiña que selo, se hai unha comunidade en toda España que hoxe pode empezar a mirar cara o seu crecemento é Galicia. 

Por este motivo, Feijóo fixo fincapé en que, pese a dureza deste momento, se pode confiar neste país. Hai tres anos empezouse en Galicia e en Galicia tamén comezará a medrar España.