viernes, 11 de mayo de 2012

Expourense: traballando polo desenvolvemento socioeconómico de Ourense


Onte asistín en Expourense ao acto de presentación da Memoria de actividades da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense correspondente ao ano 2011.

Foi presidido polo Conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra Fernández.

O xerente Alejandro Rubín fixo unha presentación dando conta da actividade institucional, internacional, de formación, dos eventos, do labor social ou dos impactos nos medios de comunicación e nas redes e avanzou o dato da cifra de visitantes (132.145) e do respaldo das empresas participantes nas feiras e eventos organizados desde esta entidade (976).

Pechou o acto o conselleiro afirmando que Expourense se consolida como un referente dos recintos feirais galegos polo importante papel que desempeña na dinamización da economía ourensá, mobilizando coa súa actividade feiral cinco millóns de euros na provincia o ano pasado, o que supón multiplicar por catro cada euro investido.

Tamén asegurou que o traballo da Fundación contribúe directamente á proxección exterior da provincia e de Galicia, impulsando sectores relevantes da economía galega como o termalismo, a gastronomía, o transporte ou a viticultura, que centraron algunhas das feiras celebradas o pasado ano.

Resaltou a aposta de Expourense pola internacionalización, unha das claves para o fortalecemento da economía galega, e recordou que grazas ao cambio de estatutos promovido o ano pasado a Fundación presta apoio en materia de internacionalización a empresas e asociacións, promovendo ademais as súas primeiras misións empresariais.

Tamén salientou o conselleiro que dúas das feiras de Expourense, Termatalia e Funergal, contan co recoñecemento de Feiras Internacionais que outorga o Ministerio de Industria.

Finalizou dicindo que a labor de Expourense está respaldada polo recoñecemento empresarial e profesional. Así, en 2011 aumentou en case un 14% o número de expositores, e incrementáronse os visitantes máis dun 4%, mantendo 275 días de ocupación ao ano.

Non podo mais que constatar polo meu coñecemento directo o que acredita esta Memoria e celebrar que Expourense siga cumprindo dun modo exemplar os obxectivos fundacionais de promoción da actividade económica ourensá.

Por certo unha Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense que o 24 de decembro de 2012 cumprirá 20 anos desde a súa constitución nun solemne acto que tivo lugar na sede da Cámara de Comercio e Industria de Ourense, baixo a presidencia de Jorge Bermello e do que escribirei en próximas entradas neste blog.

Parabéns a todo o equipo de Expourense que dirixe Alejandro Rubín.