domingo, 29 de abril de 2012

Máis achegas para á Real Academia Galega

Os  deputados galegos do PP estamos moi satisfeitos pola presentación polo noso Grupo Parlamentario dunha emenda de 301.850 € que consegue a  equiparación da partida destinada nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2012 á Real Academia Galega coas correspondentes ás Academias catalá e vascas.
 
A decisión do GPP de incluír entre as súas emendas este incremento para a Real Academia Galega produciuse tras o compromiso alcanzado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co presidente da Institución, Xosé Luís Méndez Ferrín de transmitir ao Goberno Central a necesidade de incrementar as  achegas destinadas a este organismo nos Orzamentos 2012.

A emenda presentada supón tamén dar cumprimento ao mandato do Congreso, xa que o 15 de setembro de 2010, a Cámara Baixa aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei do Grupo Parlamentario Popular, defendida pola deputada ourensá Ana Belén Vázquez na Comisión de Cultura do Congreso, na que se acordaba, nun texto transaccionado con PSOE e BNG, que a Cámara Baixa instase ao Goberno a consignar nos PGE de cada exercicio unha subvención destinada á Real Academia Galega semellante á das academias de Cataluña e o País Vasco.
 
Nas próximas semanas producirase o debate da emenda, para poder proceder posteriormene á súa votación e, de ser aprobada, ser incorporada aos devanditos orzamentos, que finalmente atribuirían a RAG a suma de 682.000 €.

Deste xeito, queda de manifesto o compromiso do Goberno galego co seu presidente Feijoo a cabeza, e dos deputados galegos no Congreso comenzando  por Ana Belen Vazquez, con esta senlleira institución, de valor fundamental para a conservación da cultura galega.

Agradecemos as palabras de recoñecemento de Xose Luis Méndez Ferrín aos deputados galegos en Madrid, das tres forzás representadas: PP de G, PSdeG-PSOE e BNG que defendíamos a mesma causa.