sábado, 31 de marzo de 2012

Interparlamentaria do PP de G

Hoxe no Hotel monumento San Francisco de Compostela celebramos unha reunión da Interparlamentaria do PP.d G.

Os voceiros do PP de G nas distintas Cámaras representativas intervimos en primeiro lugar. Polo Parlamento Europeo falou, Francisco Millán Mon, polo Parlamento de Galicia, Pedro Puy Fraga, polo Senado, José Manuel Barreiro e eu polo Congreso dos Deputados.

Esta foi a miña intervención:

"Presidente, Ministra de Fomento, Secretario Xeral, Presidentes Provinciais, membros do goberno. Amigos todos.

Interveño nesta interparlamentaria como coordinador dos meus compañeiros deputados/as no Congreso.

Grazas ao fenomenal traballo do PP de G e ao enorme apoio que nos dispensaron os electores galegos nos comicios do 20 N, pasamos de once a quince parlamentarios e fomos determinantes para o cambio en España.

Lembremos o dato de que os deputados populares somos o 65% da representación galega na Cámara Baixa.

O pasado 13 de decembro no Pazo da Carreira de San Jerónimo comezaba a X Lexislatura e tomabamos posesión, e unha semana despois, o 20 de decembro, tiñamos a honra e a enorme satisfacción de apoiar co noso voto a investidura de outro dos nosos, de Mariano Rajoy que se converteu así no primeiro presidente  galego do Goberno de España na democracia.

E dous días despois tiñamos a alegría de ver como unha das nosas deputadas, Ana Pastor, tomaba posesión como ministra de Fomento do Reino de España, e como outro Arsenio Fernández de Mesa era nomeado Director da Garda Civil.

Hoxe, cumprimos 110 días desde que se constituíron as Cortes e asistimos a unha actividade política intensísima, como non se recorda.

Cada un dos deputados do PP asumiu no Congreso distintas responsabilidades, nas Mesas, nas portavocías e vocalias do Grupo Parlamentario, e estamos presentes en tódalas Comisións que teñen relevancia.

O noso traballo está centrado dende o primeiro día nos temas que afectan a nosa Comunidade: Creación de emprego, promoción económica, infraestructuras, sector financieiro, sectores industriais (eólico, enerxético, naval, automóvil, lousa), sectores productivos (pesca, agricultura, gandeiría), comercio, medio ambiente, loita contra os incendios forestais, emigración, sanidade, educación, igualdade, xustiza, pensións, cultura.

E para a defensa dos intereses de tódolos galegos, que é a tarefa que nos ocupa, sabemos o importante que é - e máis en tempos de dificultades económicas e sociais sen precedentes - manter un intenso contacto coa sociedade e escoitar e atender as súas demandas.

O noso traballo parlamentario non remata no Congreso, consideramos moi importante o noso traballo nas propias circunscripcions perto dos cidadáns, dos alcaldes, dos emprendores …. E a él dedicamos boa parte de noso tempo.

Temos todos moi claro que asinamos un pacto coa cidadanía; temos a obriga de dignificar o apoio que recibimos cun traballo e unha xestión exemplar.

Estamos orgullosos de apoiar ao Goberno de Rajoy, e iso a pesar da excepcionalidade do tempo que nos toca vivir, sen dúbida o peor momento económico da nosa historia democrática.

O Goberno do PP vai coa verdade por diante, non para de tomar decisións para controlar o déficit público e recuperar a confianza da Unión Europea e dos mercados. Acometeu unha reforma laboral que é a que se necesita para que haxa crecemento económico e para abrir oportunidades aos mais de cinco millóns de desempregados. Está abordando unha reforma financeira que estableza un marco estable para poder devolver o crédito ás canles da economía. Que, promove unha Lei de transparencia, un plan de apoio as entidades locais para pagar aos provedores, que tamén dispuxo liñas de crédito ICO destinadas a emprendedores e empresas de menos de 25 traballadores.

 O goberno do PP está abordando a restructuración e racionalización do sector público empresarial e fundacional estatal. É un goberno que ten unha clara vocación social, que mantén e revaloriza as pensións e que contempla medidas para paliar o problema dos desafiuzamentos para as persoas en risco de exclusión social. Un executivo que onte mesmo presentaba uns Orzamentos Xerais do Estado responsables, cribles no marco da estabilidade presupostaria.

E dentro de este goberno popular é necesario salientar a brillante xestión de Ana Pastor a fronte do importantísmo Ministerio de Fomento. Gracias Ana polo teu intenso traballo que tanto se deixa sentir na nosa terra.

Amigas e amigos, estamos moi orgullosos de representar ao PP de G no Congreso, de defender a marca Galicia, de apoiar ao Goberno da Xunta, e de estar liderados por un Presidente Alberto Núñez Feijóo, que é un político de referencia nacional, que é escoitado, que aporta seriedade e eficacia, que acredita vocación de servicio, compromiso cos cidadáns, e que traslada confianza no país.

 Fuches o primeiro en falar de austeridade e de aplicala mentres outros facían derroches, de pagar os provedores en forma e prazo, de acometer as reformas para asegurar os servizos sociais básicos. E como dicías no recente debate do estado da Autonomía, os resultados son evidentes, Galicia controla o déficit e outras comunidades de España son controladas polo déficit.

 Parabéns polo traballo realizado e ánimo. Sabes que estamos ao teu dispor para traballar con toda intensidade a prol de Galicia.Mais nada e moitas grazas."

De seguido inteveu a deputada e Ministra de Fomento Ana Pastor Julian quen defendeu os austeros Orzamentos Xerais do Estado aprobados polo Consello de Ministros cun axuste de 27.300 millóns de euros porque priorizan o importante, á vez que reafirmou o compromiso coa infraestruturas galegas e, en especial, garantiu que "o AVE a Galicia está preservado nos orzamentos porque é de xustiza".


Lembrou que na súa chegada ao Ministerio de Fomento recibiu unha débeda de 40.000 millóns de euros, e que, por exemplo, en Galicia hoxe débense máis de 100 millóns de eiuros a propietarios de fincas expropiadas.

Dixo que o gran proxecto para Galicia é vertebrar o seu territorio e non é cantos quilómetros de autoestradas e autovías fanse, nin tampouco seguir a máxima de: "Que hai do meu?".

Pechou o acto o presidente do PPdeG que asegurou que “as infraestruturas galegas quedan blindadas” cos Orzamentos que presentará o Goberno de Rajoy o vindeiro martes e agradeceu a Ana Pastor o seu compromiso co AVE galego e con outras infraestruturas como o Eixo Atlántico.

Segundo explicou Feijóo, todos os alí presentes forman parte de grupos maioritarios, tanto no Parlamento galego, coma no europeo, no Congreso ou no Senado, porque os cidadáns así o elixiron xa que confían nos populares e valoran o seu traballo. Por iso, para o dirixente popular, responder a esa confianza é un deber que non deben esquecer e é o seu compromiso permanente, cada día.

GALICIA ANTICIPOUSE

Nesta liña, Feijóo lembrou cómo os cidadáns anticiparon o cambio político en Galicia para que Galicia se anticipara e os populares responderon a esa confianza desde o primeiro día. Así, a comunidade anticipouse na austeridade; cun Goberno que gasta o mínimo posible en si mesmo, para poder gastar o máximo posible nos cidadáns; anticipouse tamén na racionalización, evitando duplicidades, reducindo unha administración paralela que crecía; no rigor, axeitando as orzamentos á realidade e equilibrando as contas públicas; na solvencia, antepoñendo pagar primeiro o que se debe e non gastar máis do que se ten e cunha xestión eficiente e responsable para asegurar os servizos públicos esenciais.

Por outra banda, Feijóo lembrou cómo agora a oposición tamén se desentendeu instantaneamente da lamentable herdanza que deixaron tralo seu paso polo goberno; cómo tratou de dividir á sociedade para tentar pescar en río revolto; e, cómo agora a oposición tamén tentou trasladar falsos medos á cidadanía.

Con respecto a isto, Albeeto Núñez recordou que hai un ano a oposición chegou a dicir que polo catálogo priorizado de fármacos aprobado pola Xunta, os galegos ían recibir unha cobertura farmacéutica prexudicial para a súa saúde cando un ano despois se comprobou que se aforraron 100 millóns de euros. Con ese diñeiro, como apuntou o líder do PPdeG, pódense pagar unha vintena de novos centros de saúde, ampliar un hospital público como o da Coruña ou incorporar novas vacinas ás financiadas pola sanidade pública. Ademais, o 100% dos galegos mantiveron intacta a cobertura máis axeitada para todos eles con esa xestión responsable.

Feijóo insistiu en que ese cambio e esa anticipación sitúan hoxe a Galicia nunha mellor posición que a maior parte das comunidades de España. Así, coloca a Galicia cunha taxa de paro 4,7 puntos inferior á de España e sen un problema específico de déficit como o que lastra a toda a nación, ademais de situala como a comunidade que mellor equilibrou as súas contas nos tres últimos anos, a máis solvente e a que mellor responde aos seus provedores. É dicir, situou a Galicia en mellores condicións para responder ante a súa débeda pública, que agora é inferior á media nacional.


Ademais, Galicia, en plena crise, conta con máis novas prazas públicas de residencia e gardería que en toda a lexislatura anterior; con máis ordenadores e idiomas no ensino público que nunca e con máis profesores por alumno que na maior parte de España. Así mesmo, Galicia sitúase, neste 2012 de recesión, con compromisos e garantías de que seguiremos incrementando o número de cidadáns que terán acceso ás prestacións públicas esenciais.


OS CIDADÁNS VALORAN O ESFORZO E A RESPONSABILIDADE

Feijóo recoñeceu que non foi doado todo ese traballo e esforzo pero indicou que os cidadáns o valoran, por iso na Interparlamentaria, despois dese inicio hai tres anos, sumáronse a ese grupo maioritario do Parlamento Galego os eurodeputados apoiados por máis da metade dos galegos, a maior porcentaxe de deputados nacionais galegos do PP que nunca se tivo e a maior cantidade de senadores galegos que pode chegar a ter un partido en Galicia.

O líder do PPdeG amosouse convencido de que, por difíciles que sexan os inicios deste cambio político en España, ao igual que esa responsabilidade e determinación ten suposto melloras para Galicia; tamén as supoñerá para España.

Así mesmo, indicou que os cidadáns ao longo destes tres anos teñen sufrido moitas dificultades pero tamén ao longo destes tres anos teñen valorado que ao seu carón e contra esas dificultades hai un partido, o PP, disposto a xestionar con responsabilidade.

Por outra banda, Feijóo auguroulle á oposición en España dentro de tres anos a mesma situación que á oposición en Galicia tres anos despois: desconcerto, división, votantes defraudados e o medo a un novo fracaso nas eleccións. Para o dirixente popular, isto é “unha garantía de desgoberno”.

COMPROMISOS

Feijóo asegurou que os populares manterán o seu compromiso cos cidadáns desde as institucións. Así, no Parlamento faráno tratando os seus problemas e impulsando solucións, facendo desta lexislatura a de maior actividade lexislativa da historia da autonomía.

Por outra banda, no Parlamento europeo aproveitarán cada resorte que nos permita mellorar as condicións dos nosos sectores produtivos. No Senado, contribuirán a un Estado das Autonomías máis útil para os cidadáns e no Congreso reforzarán as políticas que poidan reforzar a nación e que, á vez, poidan reforzar a defensa de Galicia ante as dificultades.

ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO

No que atinxe aos Orzamentos estatais, o líder do PPdeG apuntou que supoñen a volta de España á realidade contable despois de catro anos de negacións da crise e dunha enorme mentira económica e explicou que son un 16% inferiores porque mentres os socialistas dicían que estabamos na Champions League da economía, o que realmente estaba sucedendo é que o Goberno socialista estaba baixando a España de división.

Para Feijóo, o auténtico problema das nosas contas públicas non é que agora baixen un 16% e se axeiten á realidade senón que o auténtico problema foi subilas de forma ficticia, pagar por riba das posibilidades, desentenderse da administración dos recursos públicos con criterio e deixalo todo a deber.

Como destacou Alberto Núñez estamos ante os presupostos máis baixos que ten España nos últimos anos pero tamén son os mellores presupostos que ten presentado un Goberno de España durante os últimos anos xa que son realistas, certos e útiles para o país.

Trátase duns orzamentos que son un compromiso explícito e inequívoco coa verdade, coa realidade e tamén con Galicia xa que dan a garantía de que o que se recolle neles, a diferenza doutros anos anteriores, conteñen exactamente o que se vai facer.

HAI QUE ASUMIR RESPONSABILIDADES

Nesta liña, o líder do PPdeG indicou que os populares asumen cada unha das decisións que lles toca adoptar pero non van asumir as razóns polas que hai que tomar esas decisións. Esa responsabilidade é do Partido Socialista.

Así, é responsabilidade do Partido Socialista e do BNG que Galicia teña unha débeda de 2.300 millóns de euros por orzamentación irreal pero é responsabilidade dos populares ter adaptado os orzamentos á realidade, por máis que isto, lamentablemente, nos sitúe en niveis de 2005.

Tamén é responsabilidade do Partido Socialista que hoxe España teña o déficit máis elevado da Unión Europea, polo que a responsabilidade do PP é tentar cumprir cos compromisos e equilibrar as contas cuns orzamentos certeiros por mais que isto, lamentablemente, supoña que se teñan reducido os PGE un 16%.

Do mesmo xeito, é responsabilidade do Partido Socialista que hoxe en España se teñan destruído tres millóns de empregos coa súa política laboral e a responsabilidade dos populares é tentar cambiala para darlle a volta a esta situación.

Así, Feijóo asegurou que os populares van dar a cara mentres “outros lle botan cara” xa que non se dedican ao servizo público para ir ao fácil senón para enfrontarse ás dificultades e para buscar o que máis convén aos cidadáns e non aos políticos.

http://portal.ppdegalicia.com/gl/component/content/article/54-titulares-pp-de-galicia/2953-feijoo-di-que-as-infraestruturas-galegas-quedan-blindadas-cos-orzamentos-de-rajoy.html

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2012/03/31/feijoo-asegura-galicia-comunidad-solvente-espana/00031333201912505836883.htm