Axenda plenaria


Comeza hoxe a actividade parlamentaria plenaria desta semana co importante debate do  obxectivo de estabilidade orzamentaria para 2012 do conxunto do sector público e de cada un dos grupos de axentes que o integran e o límite de gasto non financeiro do Orzamento do Estado para 2012.

Este debate ten causa no artigo 8.3 do Real Decreto Lexislativo 2/2007, de 28 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral de Estabilidade Orzamentaria, que establece que o acordo do Consello de Ministros no que se conteña o obxectivo de estabilidade orzamentaria remitirase ás Cortes Xerais.

Unha vez aprobado o obxectivo de estabilidade polo Congreso dos Deputados, este pasará ao Senado. No caso de que fose rexeitado, o obxectivo someteríase a nova votación do Congreso e o vindeiro xoves, quedaría ratificado por maioría simple.

A sesión plenaria continuará hoxe coa toma en consideración da Proposición de Lei sobre transparencia e acceso á información pública formulada polo Grupo Parlamentario Socialista, así como outra Proposición de Lei do Grupo Parlamentario de Unión Progreso e Democracia relativa á dación en pago e a protección das persoas físicas insolventes.

Ademais, o Pleno abordará as mocións consecuencia das interpelacións urxentes formuladas a semana actual no Pleno.

O mércores, 14 de marzo, comparecerá a petición propia ante o Pleno da Cámara o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, para informar sobre o Consello Europeo celebrado os días 1 e 2 de marzo en Bruxelas. Así mesmo, terán lugar as habituais quendas de preguntas da sesión de control ao Goberno.

Xa o xoves, 15 de marzo, o Pleno tratará a tramitación directa e en lectura única, se así o decide o Pleno da Cámara, do proxecto de lei orgánica polo que se exclúe do ámbito de aplicación da disposición adicional da lei orgánica 3/2006 a determinados mecanismos de financiamento. Para rematar, o Pleno concluirá co debate das interpelacións urxentes.
Con la tecnología de Blogger.