jueves, 12 de enero de 2012

No faladoiro de Radio Voz


Hoxe tivemos en Radio Voz, o habitual faladoiro matinal dos xoves que comeza ás 8,35 e que ata as 9,30 analiza a actualidade baixo a dirección de Antía Díaz Leal e na que hoxe estaban os meus colegas parlamentarios Laura Seara e Francisco Jorquera, ademais do xornalista Ernesto Sanchez Pombo.

O tema central foi o debate celebrado onte no Congreso sobre a Convalidación ou derrogación do Real Decreto-lei 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público.

Así dixen que como explicou Montoro e acreditan os feitos, o Goberno saínte ocultou ao Partido Popular no traspaso de poderes ata o último momento a existencia de máis de 20.000 millóns de euros mais de déficit público, un 8 %.

Lembrei que a ministra Salgado  sostivo dous días antes das eleccións xerais que España cumpriría con comodidade o obxectivo do déficit público do 6%. E que tamén ocultou o Goberno socialista que a Seguridade Social estaba en situación negativa. Tiña presupostado un superávit nas contas do 0,4% cando a realidade é que houbo un 0,06% de déficit, cunha desviación das contas equivalente a 668 millóns de euros.

Expliquei que foi esta grave situación económica a que obrigou a reaccionar ao Goberno de Rajoy, pedindo un esforzo aos españois en forma de subida temporal e excepcional dunha recarga no imposto sobre a renda das persoas físicas e do IBI pero só para determinados valores e determinados inmobles nos pobos e nas cidades españolas.

En definitiva medidas excepcionais para un tempo excepcional e coa finalidade de recuperar a credibilidade de España.

Tamén dixen que o goberno do PP está comprometido coa corrección do déficit público non só na Administración Xeral do estado senón tamén noutras Administracións públicas. E valorei como positiva a reunión de onte do ministro Montoro cos conselleiros de Facenda das CC.AA gobernadas polo PP nas que se reafirmou o pleno respecto á autonomía económica, política e financeira delas pero co compromiso prioritario de reducir o déficit e racionalizar o gasto público, e falando mesmo da posibilidade de establecer sancións ás Comunidades que non cumpran co obxectivo de déficit en liña co que aplica a Unión Europea aos Estados membros.