miércoles, 13 de julio de 2011

Sobre o teito de gasto


Onte o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou (170 a favor, 145 en contra e 18 abstencións) o obxectivo de estabilidade orzamentaria para o período 2012-2014 e o límite de gasto non financeiro do Estado para 2012.

No debate, polo Grupo Popular interveu Cristóbal que comezou lanzando unha mensaxe de confianza neste momento á sociedade española e afirmando que somos un gran país que cando se pon en marcha é capaz de liderar a Europa en termos de crecemento e de creación de emprego; un país que ten unha gran economía, que cando fixo as reformas e apostou claramente pola estabilidade económica foi capaz de levar adiante o proceso de crecemento económico máis creador de emprego da nosa historia, inigualable para ningún país.

Logo desa mensaxe de confianza, Montoro centrouse no comezo do debate orzamentario en cumprimento da Lei Xeral de Estabilidade Orzamentaria e da propia Lei Xeral Orzamentaria, que facultan á Cámara a que someta a consideración o que é coñecido como un teito de gasto, que é o límite do gasto non financeiro que corresponde acometer ao Estado en España para o ano próximo.

Un trámite importante que introduciu precisamente o PP na Lei de Estabilidade Orzamentaria do ano 2002 e que vai orientado a dar estabilidade e fixeza ás decisións de gasto que adopten as administracións públicas.

E dixo que “é un trámite que non se debe devaluar, como acaba de facer a vicepresidenta do Goberno de España dicindo que vai traer un orzamento que vai cambiar a cifra, o teito de gasto”. E esas manifestacións fíxoas en resposta ás da Vicepresidenta Salgado que na súa intervención, anunciou que o teito de gasto ía reducilo en setembro. Manifestacións que non achegan a confianza, a seguridade e a fiabilidade que necesita o noso país e a nosa economía neste momento.

Montoro dixo no debate, que do que temos que falar é de como se achega esa fiabilidade e esa confianza, e para iso hai que traer escenarios económicos realistas, axustados ao que é a evolución do noso país e da nosa economía dentro do noso contexto, que é a Unión Europea, que é o euro.

Explicou o noso voto en contra do teito de gasto que ofrece o Goberno, non porque nós non creamos que a economía española non poida e deba crecer por encima do 2 por cento, senón polo convencemento de que para crecer por encima do 2 por cento e levar adiante unha importante e significativa creación de emprego a economía necesita austeridade orzamentaria e reformas económicas, e esa austeridade non se reflicte nas cifras que trae o Goberno, e que somete á consideración da Cámara, porque o que fai é, con motivo dunha modificación da Lei de Estabilidade Orzamentaria, sacar do teito de gasto do Estado o financiamento territorial, ás administracións territoriais do Estado.

O noso portavoz dixo que non hai tal redución de gasto público programada, senón subida, subida en 5.000 millóns de euros, e xa que logo non estamos ante unha política de austeridade. Nin o cadro económico é claro e preciso,  nin estamos ante un proxecto de austeridade no gasto, nin estamos ante a fiabilidade de novos ingresos.

Terminou a súa intervención dicindo que é España a que debe contribuír positivamente á estabilidade do euro e iso pódeo facer unha España cunha auténtica política  orzamentaria de austeridade, que non é recortar sobre  os máis débiles; cunha auténtica política de reformas tributarias; cunha auténtica política de reformas do  sector financeiro que debe completarse dunha vez por todas; cunha auténtica política de reforma laboral; cunha  auténtica política de liberalización económica e de incremento da competencia acompañada por unha política energética seria.