martes, 7 de junio de 2011

Na sesión plenaria do Congreso


Hoxe pola tarde tivemos sesión do Peno do Congreso.

Comezou co debate de toma en consideración de dúas proposicións de lei.

A primeira, da Asemblea de Ceuta, de modificación do apartado 2 da disposición adicional trixésima do Real decreto Lexislativo 1/1994, de 20 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, foi aprobada por 319 votos a favor e 16 abstencións.

A Cámara rexeitou, con 156 votos a favor, 168 en contra e 11 abstencións, a toma en consideración da proposición de lei do Grupo Parlamentario Popular, relativa ao mantemento dos incentivos fiscais aos mozos no aluguer de vivenda, que defendeu o meu compañeiro tinerfeño Pablo Matos.

Tamén debatemos no Pleno dúas proposicións non de Lei. Unha, do Grupo Socialista, sobre actuacións para evitar o peche de plánta de motos Derbi ubicada en Martorelles, que quedou aprobada por unanimidade; e outra, do Grupo Popular, relativa á creación de emprego no sector forestal., que foi votada por puntos. O primeiro foi aprobado por unanimidade, e o segundo quedou rexeitado.

Asemade, debatemos unha Moción consecuencia de interpelación urxente do Grupo Popular, sobre as medidas que vai adoptar o Goberno para remediar a grave situación que atravesa o sector pesqueiro español. Esta iniciativa foi defendida polo meu compañeiro lucense Joaquín García Díez, e finalmente votada nos termos dunha emenda acordada por varios grupos parlamentarios, que foi aprobada.

Dentro do trámite legislativo debatemos o ditame de comisión sobre a Proposición de Lei orgánica de modificación dos artigos 31 bis e 59 bis da Lei Orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social. Foi aprobada en Pleno por unanimidade e continuará a súa tramitación no Senado.

A modificación aprobada pretende a ampliación das medidas de protección que dita Lei recoñece ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás de trata de seres humanos que decidan denunciar ao maltratador ou explotador. Son, entre outras, a concesión automática, xa non potestativa, dunha autorización provisional de residencia e traballo para a muller maltratada e os seus fillos, que resolva interinamente a súa situación ata que se emita a resolución xudicial relativa á denuncia por violencia machista; así como o facilitar que as vítimas de trata de seres humanos cooperen coas autoridades na investigación e incriminación dos que cometen esta clase de delitos.

E rematamos a sesión acordando por asentimento a creación, a proposta da Comisión de Vivenda, dunha Subcomisión de análise e posible mejora do Sistema Hipotecario Español e, en particular, respecto daquelas condicións que poidan ser consideradas abusivas.