miércoles, 8 de junio de 2011

A Comisión Europea dá un toque de atención ao Goberno para que complete as reformas prometidas


 Hoxe na sesión de control ao Goberno, o noso portavoz económico Cristobal Montoro preguntando á ministra Elena Salgado fixo referencia a que onte a Comisión Europea fixo públicas onte as súas recomendacións ao Consello sobre o Programa Nacional de Reformas de 2011 e a actualización do Programa de Estabilidade Orzamentaria 2011-2014 que remitiu a finais de abril o Goberno español.

Pois ben,  pesar de que a Comisión constata que se avanzou en materia de consolidación orzamentaria, advirte dos riscos de desviación no caso de que non se cumpran as previsións macroeconómicas e orzamentarias, e recomenda ao Goberno de España que leve a cabo novas medidas adicionais de estabilidade orzamentaria e de reforma estrutural, que complete importantes reformas estruturais iniciadas, e que implemente medidas que fai tempo que se comprometeu a levar a cabo.

Polo que respecta ás novas medidas adicionais a presentar, cabe destacar a mención expresa que fai a Comisión á inclusión na Lei de Estabilidade Orzamentaria dun mecanismo de control do gasto e endebedamento de todas as AAPP, tal e como se solicitou por parte do Partido Popular; e que foi rexeitado polo PSOE. Doutra banda, a Comisión parece propor reducir as cotizacións sociais a cambio de incrementar o IVE e os impostos sobre a enerxía. En todo caso, a Comisión urxe ao Goberno a detallar as medidas concretas coas que pretende reducir o déficit en 2012 e 2013.

A Comisión urxe ao Goberno a que complete as reformas iniciadas:

- Polo que respecta á reforma laboral, ademais de instar ao Goberno a que avalíen no outono de 2011 os seus efectos, insta ao Goberno a aprobar unha reforma da negociación colectiva que asegure que o crecemento dos salarios reflicta a evolución da produtividade (tal e como se comprometeu o Presidente do Goberno ante Ángela Merkel) así como que se adapte ás condicións locais e das empresas.

- En referencia á reforma do sistema financeiro, a Comisión constata que a “consolidación das caixas de aforro a través de fusións frías incrementou a incerteza” sobre a reestruturación do sistema financeiro, polo que é necesario reforzar a xa iniciada reestruturación das caixas de aforros abordando as debilidades que permanecen na súa estrutura de goberno.

- No tocante a liberalización dos servizos, a Comisión constata que son necesarios esforzos adicionais para completar a transposición da Directiva e que por iso é preciso “avanzar na liberalización dos servizos profesionais tramitando a normativa ao efecto anunciada para reducir as actuais restricións á competencia, eficiencia e innovación, e mellorar a coordinación das administracións nacional e autonómica para reducir os custos administrativos ás empresas”

A recomendación da Comisión de que deben levar a cabo medidas como a limitación por Lei do gasto e o endebedamento de todas as AAPP, a liberalización dos servizos profesionais, ou a vinculación do crecemento dos salarios ao crecemento da produtividade, non son máis que un toque de atención ao Goberno español que fai tempo comprometeuse a levar a cabo todas elas, e pasado o tempo, e a tan só seis meses de que se acabe a lexislatura, non se tomaron medidas concretas.