martes, 24 de mayo de 2011

Moción reclamando información fehaciente sobre os orzamentos do AVE Lubián- Ourense

-->

Hoxe o PSOE impediu que o Pleno do Congreso dos Deputados instase ao Goberno a remitir á Cámara, con carácter inmediato, a documentación acreditativa da existencia de consignación orzamentaria dos 1.800 millóns de euros adicionais necesarios para dar cumprimento ao acordo do Consello de Ministros de 8 de abril de 2011, sobre 24 licitacións de obra na liña ferroviaria Lubian  Ourense.

Os socialistas rexeitaron esta petición, que foi defendida polo portavoz de Fomento do Grupo Parlamentario Popular, Andrés Ayala, dentro dunha moción xeral do GPP na que se pedían explicacións sobre as medidas que o Executivo socialista pensaba adoptar para paliar as consecuencias económicas derivadas do alarmante descenso da licitación de obra pública no conxunto do Estado.

Os deputados galegos do PP incluímos na moción do GPP outro aspecto que críamos de suma importancia ao que tamén se opuxeron os socialistas, que se instase ao Goberno a remitir á Cámara Baixa as autorizacións de gasto que o Ministerio de Facenda deu ao Ministerio de Fomento nos anos 2010 e 2011 para que todos poidamos ver que hai de realidade e que de ficción nos anuncios de Fomento.

Lamentamos que o PSOE siga intentando impedir o labor de control da oposición, cuxa misión é fiscalizar o cumprimento dos compromisos do Goberno, e pregúntamonos por qué os socialistas, que acaban de suspender sine die unha reunión prevista para o seguimento do Pacto do Obradoiro, teñen tanto medo a que se controle o seu cumprimento con Galicia en relación á chegada da alta velocidade.

José Blanco debe aprender a aceptar de forma máis democrática que a oposición realice a súa función de control ao Executivo, xa que é o abc do parlamentarismo.

Estamos á espera de que o ministro compareza na Comisión de Fomento para explicar con detalle o proceso de licitación polo procedemento de concurso público convencional das obras de acceso de alta velocidade a Galicia no tramo Requejo-Ourense, así como da súa programación orzamentaria, xa que o solicitaron formalmente o pasado 13 de abril.

Fomento debe detallar en sede parlamentaria cales son os elementos técnicos que lle permiten soster que a alta velocidade chegará a Galicia no 2015, cando os informes técnicos da Xunta apuntan ao primeiro semestre de 2018.

En Galicia existe preocupación non só porque non se licita o prometido ou porque non se coñecen con detalle as fontes de financiamento nin as partidas orzamentarias das que se fala, senón tamén porque dous dos tres tramos que foron adxudicados en xullo de 2010 polo ministerio (Porto-Meamán, de 6,5km, e Ponte Ambía-Taboadela, de 8,9 km) atópanse aínda practicamente paralizados, sen obra algunha apreciable, a pesar de que son tramos sen maior complexidade técnica.

Os deputados do PP por Galicia queremos subliñar que a lealdade institucional non ten nada que ver coa irresponsabilidade de non exercer o labor de control que as urnas encomendan á oposición e esperamos que o PSOE non impida que a Cámara Baixa reciba unha información que todos os galegos teñen dereito a coñecer.