Pedimos explicacións en sede parlamentaria sobre os detalles da autorización de licitación do AVE


Hoxe os deputados galegos do PP presentamos no Congreso dos Deputados unha solicitude de comparecencia para que o ministro de Fomento, José Blanco, informe con detalle en sede parlamentaria, do acordo do Consello de Ministros de data 7 de abril de 2011 polo que se autoriza ao Ministerio de Fomento á licitación, a través de Adif, do contrato de colaboración público-privada para a redacción dos proxectos e a execución das obras de montaxe de vía da nova conexión de alta velocidade no tramo comprendido entre Olmedo (Valladolid), Zamora e Ourense, así como o mantemento do tramo Olmedo-Ourense-Santiago de Compostela.

Entendemos que é absolutamente necesaria e de xustiza a vertebración de Galicia e impulsar a actividade económica da CC.AA. coa chegada da alta velocidade e subliñamos que a importancia e a envergadura deste proxecto merece que os galegos, que levan 23 anos esperando, reciban unha explicación pormenorizada que permita acabar con calquera incerteza técnica, administrativa ou económica respecto da obra e os prazos.

Recordamos que aínda non coñecemos os termos exactos relacionados co financiamento e o único que sabemos dos prazos técnicos é que o ministro Blanco insiste en que estarán fixados nos pregos de adxudicación, pero é que todos sabemos que o feito de pór unha data nun papel non garante o seu cumprimento e que os técnicos comezan xa a dubidar do 2015 e a falar do 2018 como data para a chegada da alta velocidade.

Imos ser cautelosos na valoración da autorización da licitación das obras emitida o pasado venres polo Consello de Ministros e recalcamos que tras coñecer que si haberá parte financiada convencionalmente por orzamentos a través de Adif non se entende moi ben por que non se axilizou máis esta parte. Neste sentidoxa que unha parte importante do investimento vaise a mobilizar a través de Adif, e loxicamente Adif está suxeito ás restricións que está sufrindo a administración pública, os galegos deben coñecer os mecanismos polos que a capacidade financeira do ente público non só estea garantida para este ano, senón tamén en 2012, 2013, 2014 e 2015.
Con la tecnología de Blogger.