miércoles, 30 de marzo de 2011

Sobre servizos ferroviarios convencionais e de proximidade en Galicia


Hoxe os deputados galegos do PP presentamos no Congreso unha Proposición non de Lei para que se inste ao Goberno a realizar as actuacións precisas que permitan recuperar e manter a continuidade do Eixo Atlántico Ferroviario convencional e o seu aproveitamento para implantar unha rede de proximidade en Galicia ou para o transporte de mercancías.

Defendemos que o mantemento de servizos da rede ferroviaria convencional preexistente permitiría garantir un nivel de accesibilidade territorial moi importante en comunidades con dispersión poboacional como Galicia.

Consideramos que o Ministerio de Fomento equivocouse durante os anos 2007 e 2008 coa súa política de desmantelamento dos tramos de vía convencional que se substituían polas novas variantes no Eixo Atlántico de Alta Velocidade, e recordamos, ademais, que foi desoído o mandato unánime do Parlamento galego neste sentido.

Subliñamos que, tendo en conta o volume de poboación afectada e o feito de que non se produciu un desmantelamento da vía tan importante como na zona Norte, o Goberno debería iniciar, de forma prioritaria e nunha primeira fase, as actuacións necesarias para a recuperación da continuidade do Eixo Atlántico convencional no seu tramo Sur, é dicir, desde Pontevedra ata Vigo, contemplando así mesmo a extensión dos servizos cara a Portas.

Pedimos ao Goberno que analice a viabilidade técnica e económica da implantación de servizos de proximidade que unan as cidades de Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela a través da liña ferroviaria actualmente existente, considerando que dito tramo veu sendo o que proporcionalmente achega maior número de viaxeiros no Eixo Atlántico e que a entrada en operación da nova liña de Alta Velocidade entre as cidades citadas deixará unha boa parte das actuais estacións (Catoira, Pontecesures, Padrón, A Escravitude) sen servizos ferroviarios, privando a máis de 75.000 persoas, segundo certas fontes, do acceso directo a unha oferta de servizos ferroviarios coa que agora contan.

O obxectivo é que se dean os pasos para implantar unha Xefatura de proximidade para Galicia, de conformidade co acordo adoptado por unanimidade polo Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2009.

Reclamamos, ademais, que se de cumprimento ao previsto na Lei Xeral de Orzamentos de 2011 e que sexa executada a partida destinada para realizar un estudo de implantación do servizo de proximidade na CC.AA de Galicia comprensivo das áreas metropolitanas de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo.

De cara aos próximos PGE, demandamos ao Goberno que inclúan as partidas precisas para implantar, de modo prioritario, servizos de proximidade entre Vigo -Pontevedra e A Coruña-Ferrol.

O Executivo socialista debe traballar para garantir que o Eixo Atlántico de Alta Velocidade estea adecuadamente comunicado por ferrocarril coas tres terminais priorizadas en Galicia dentro do Plan Estratéxico para o Impulso do Transporte Ferroviario de Mercancías en España: Plataforma Loxística de Monforte de Lemos, Plataforma Loxística de Salvaterra - As Neves e unha nova terminal a situar na zona da Coruña.