jueves, 23 de diciembre de 2010

Reforma das pensións e lei Sinde no faladoiro de Radio Voz



Hoxe as 8,35 horas, tivemos o habitual faladoiro dos xoves en Radio Voz que dirixe Antía Leal, e na que abordamos dous temas de actualidade: a reforma das pensións e o rexeitamento á Lei Sinde.

Respecto do primeiro tema comentei os acordos que se alcanzaron onte no seo da Comisión do Pacto de Toledo e as diferenzas que ainda se manteñen.

Así constatei a importancia que lle dá a Comisión ao mantemento do poder adquisitivo e mellora das pensións e que por iso considera que o Real Decreto Lei 8/2010 que se contempla a suspensión, durante 2011, da revalorización das pensións non é conforme ás recomendacións do Pacto de Toledo.

Tamén aludín á constatación pola Comisión unha vez máis, da importancia que ten para España o mantemento e potenciación do Fondo de reserva da Seguridade Social.

Resaltei a importancia da recomendación de continuar avanzando na plena equiparación dos dereitos dos traballadores autónomos cos dereitos dos traballadores do Réxime Xeral.

Outras das recomendacións da Comisión que comentei foi a relativa á necesidade de axustar con máis precisión a relación entre o salario real e as bases de cotización así como, paralelamente, mellorar as prestacións que se recibirán. Así sería recomendable elevar o tope máximo de cotización e a pensión máxima que se regulan na Lei para garantir a adecuada correlación na evolución de salarios, cotizacións e prestacións.

Referinme tamén a que a Comisión constata a necesidade de reforzar o principio de contributividade, como elemento básico de preservación da equidade e do equilibrio financeiro do sistema. E que resulta conveniente avanzar nunha maior adecuación entre a pensión e o esforzo de cotización realizado por cada traballador.

Sen dúbida o tema de maior interese do faladoiro foi o relativo á idade de xubilación. Falei de que a Comisión considera a prolongación da vida laboral dos cidadáns é un obxectivo necesario e desexable e que ve oportuna a modificación do réxime xurídico da xubilación para conceder maior relevancia á carreira de cotización do traballador, en orde a delimitar a contía da súa pensión, favorecendo así a aproximación da idade real á idade legal de acceso a ela.

Tamén dixen que a Comisión constata que a xubilación anticipada converteuse, basicamente, nunha fórmula de regulación do emprego e que esta situación debe modificarse.

Con todo, dixen que a Comisión non alcanzou acordo algún en materia de idade legal de xubilación. E recordei unha vez máis que O PP non está de acordo con que se prolongue a idade legal aos 67 anos.

Respecto do segundo tema do faladoiro referinme ao debate o pasado martes na Comisión de Economía do Congreso na que se debatía o Proxecto de Lei de Economía Sostible que incluía unha Disposición Final referida á propiedade intelectual e ao peche das páxinas web, e que se denominou como “Lei Sinde”. Nesa Comisión produciuse un rexeitamento frontal a esa regulación, da que desmarcaron os actuais socios do PSOE, é dicir PNV e CC.

Critiquei as formas da tramitación, de présa e correndo e nunhas poucas horas, logo de levar meses e meses parada esta Lei a instancias do propio Goberno e a ausencia de disposición do GPS a buscar fórmulas de consenso.

Recordei que desde o GPP tiñamos unha alternativa propia, que defendiamos que o Goberno debería presentar unha Lei de Propiedade Horizontal na que, ademais de abordarse outras cuestións fundamentais para a protección deste dereito de propiedade, eliminásese o canon dixital.

A nosa posición, dixen é a de apostar por unha protección eficaz da propiedade intelectual que de seguridade xurídica aos creadores pero mediante un procedemento xudicial coas máximas garantías que protexa os dereitos fundamentais, a liberdade de expresión, o dereito á información, á privacidade ou ao segredo das comunicacións.