Hoxe na tertulia de Radio Voz falamos de que o Goberno socialista acaba de tomar a decisión de subir a luz un 4,8 % a partir do primeiro de outubro. Expresei a nosa opinión de que esta subida en plena crise é un atropelo a 26 millóns de consumidores.
Recordei que desde que goberna Zapatero a luz subiu en torno ao 35 % e que non é de recibo que os españois paguemos o aumento do déficit tarifario provocado pola súa caótica política enerxética.
E este ano 2010 xa subiu un 2,6 % en xaneiro, logo chegou a subida derivada do incremento en dous puntos do IVE, e coa que agora se anuncia a luz subiría en torno ao 9,4 %
Tamén falamos do Decreto do Carbón e de que a súa entrada en vigor suporía o paro das centrais térmicas de Meirama e As Pontes e a drástica redución dos ciclos combinados de Sabón e das Pontes, cun impacto global sobre o emprego directo e asociado a súa actividade que afectaría a máis de 3.500 persoas, e un impacto económico cifrado en máis de 1.200 millóns de euros.
Recordei a posición expresada polo Conselleiro de Economía e Industria que garantiu que a Xunta empregará todas as ferramentas xurídicas ao seu alcance para defender os intereses de Galicia para que a citada regulamentación non afecte a Galicia.
Terminei decindo que é necesario harmonizar os distintos intereses e traspasar os problemas dunhas comunidades autónomas a outras.