jueves, 13 de mayo de 2010

Os galegos non teñen por qué pagar as débedas de Zapatero e as consecuencias da súa mala xestión.

-->
Onte tras o debate en Pleno do Congreso os deputados galegos do PP difundimos un comunicado no que lamentamos o recorte de dereitos sociais que suporá para os galegos o improvisado plan de axuste que o Goberno de Zapatero viuse obrigado a facer por non adoptar antes as medidas necesarias para axustar a economía española.

Para nós, é lamentable que a falta de previsión do Goberno acabe supondo a rebaixa do soldo dos funcionarios e a conxelación das pensións, medidas que afectarán moi negativamente a miles de galegos.

O plan de Zapatero obrigará a Galicia, igual que ao resto das CC.AA., a facer recortes e non é xusto que os galegos teñan que pagar as débedas de Zapatero e as consecuencias da súa mala xestión.

Os deputados galegos do PP esperamos que o plan de axuste do déficit que a Unión Europea obrigou a acelerar a España non afecte aos proxectos de infraestruturas previstos na Comunidade Galega, e nese sentido lamentamos que a comparecencia do ministro José Blanco prevista para onte pola tarde na Comisión de Fomento, e que se esperaba desde fai máis de dous meses, cancelouse.

O único que se sabe ata agora do PEI que está reaxustando Fomento é que incluirá os proxectos que están en avanzado estado de tramitación e que vai primar os criterios de rendibilidade social, ambiental e económica. De todos os proxectos pendentes en Galicia só a liña de AVE de conexión coa meseta está avanzada, pero entendemos que todos os proxectos estratéxicos para Galicia son rendibles social e economicamente e, xa que logo, deberían incluírse tanto o resto das liñas de AVE como as autovías comprometidas.

Consideramos que despois de que o propio ministro de Fomento recoñecese na súa primeira comparecencia parlamentaria que o AVE galego estivo gardado nun caixón durante cinco anos agora non se pode volver marxinar a Galicia. Galicia non pode ser sempre a que sae castigada.

Recordamos que na época de “vacas gordas” as infraestruturas galegas non se beneficiaron, polo que esperamos que agora, que estamos en época de “vacas fracas”, tampouco se vexan prexudicadas.