martes, 20 de octubre de 2026

Os beneficios fiscais da Xunta para o ano 2027 acadan os 814 M€, e preto do 90 % son de carácter social, o que permitirá aliviar os efectos da alza de prezos

 


Os beneficios fiscais da Xunta para o ano 2027 acadan os 814 M€, e preto do 90 % (89,1 %) son de carácter social, o que permitirá aos galegos e as galegas aliviar os efectos da alza de prezos. Así o indicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, trala entrega onte no Parlamento de Galicia do proxecto de Lei de Orzamentos para o ano 2027.

“Entregamos ao Parlamento o proxecto de Orzamentos de Galicia para 2027 con 15.158 M€”, dixo, incidindo en que estes recursos empregaranse para aliviar a carga fiscal dos galegos nun momento de alza de prezos, reforzar e mellorar a calidade dos servizos públicos, ampliar a oferta de vivenda a prezos accesibles, impulsar a competitividade do sector produtivo cun pulo á innovación e impulsar o tirón do Xacobeo 2027.

Novas rebaixas fiscais e consolidación das aprobadas en anos anteriores

Durante a súa intervención, Miguel Corgos subliñou que nas contas do vindeiro ano incluiranse catro novas rebaixas de impostos que permitirán un aforro global de 63 millóns de euros.

“Para 2027, como cada ano, na medida das nosas posibilidades aprobamos rebaixas fiscais selectivas para beneficiar ao conxunto dos galegos e das galegas, principalmente ás rendas medias e baixas. E, ademais de incorporar novas medidas de alivio fiscal, consolidamos as aprobadas en anos anteriores”, dixo, engadindo que entre os anos 2020 e 2025 os galegos aforraron case 2.100 millóns de euros polas rebaixas de impostos impulsadas pola Xunta.

En primeiro lugar, referiuse á baixada de 0,25 puntos nos catro primeiros tramos do IRPF. Unha nova rebaixa que permitirá aos galegos aforrar unha media de 565 euros, en relación ao que pagaban en 2009.

Esta medida, que se fará retroactiva a este mesmo 2026, para que os cidadáns xa se poidan beneficiar na vindeira declaración da renda, é a quinta que se aproba do tramo autonómico desde o ano 2014, polo que se reforza a posición de Galicia entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para rendas medias e baixas.

En materia de vivenda, e para fomentar o acceso á mesma, o conselleiro de Facenda destacou a aprobación de dúas novas medidas: unha rebaixa en 0,3 puntos da cota do Imposto de Actos Xurídicos Documentados para os trámites notariais (do 1,5 ao 1,2 %), sempre que se trate da primeira vivenda; e a aprobación dunha dedución do 100 % para as operacións formalizadas de vivenda protexida.

Estas iniciativas súmanse ás xa existentes, como o incremento do límite do prezo da vivenda ata 240.000 euros, máis 30.000 € por membro da unidade familiar, para poder beneficiarse dos tipos reducidos do ITP-AXD; a dedución no IRPF de 500 € polo arrendamento de vivendas baleiras e outra do 15 % dos gastos de reparacións e conservación para adecuar un inmoble baleiro para destinalo a arrendamento, e as rebaixas fiscais para as familias monoparentais e outros colectivos prioritarios -rendas medias e baixas, menores de 36 anos, familias numerosas e colectivos vulnerables-, que poden adquirir vivendas cunha redución do imposto de transmisións patrimoniais (ITP), o cal pode chegar ata a súa eliminación.

Por outra banda, e co fin de facilitar o relevo xeracional de empresas familiares, os orzamentos incluirán unha nova medida que ten que ver coa sucesión de empresas, cunha ampliación da redución do 99 % deste imposto aos descendentes de ata terceiro grao de afinidade e aos traballadores da empresa.

Cómpre lembrar que, no eido familiar, Galicia é xa a Comunidade con mellor tratamento fiscal no Imposto de Sucesións para os familiares directos. Así, o 99,9 % destas herdanzas non tributan (ata 1 M€ exento) e tampouco o fan os primeiros 25.000 euros das herdanzas entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras (dúas de cada tres herdanzas deste tipo tampouco pagan nada).

Reforzo do gasto social

Así mesmo, Corgos confirmou que, un ano máis, a primeira prioridade do Goberno galego é o reforzo do gasto social, cunha achega de 11.343 M€. Así, dos 877,4 millóns de euros de aumento global das consellerías, preto do 84 % vai para as consellerías de Sanidade, Educación e Política Social: a Consellería de Sanidade supera os 6.000 M€ de orzamentos; a de Educación, os 3.300 M€, e Política Social os 1.500 millóns de euros.

Por outra banda, cómpre salientar que as partidas específicas para a construción de vivenda case duplican o seu orzamento, chegando aos 326 M€.

Desde o ano 2021 o gasto social medrou en máis de 2.800 millóns de euros, case un 33 %.

Atender as necesidades de todo o territorio

Segundo explicou Miguel Corgos, as contas do vindeiro exercicio seguirán tamén comprometidas cunha Galicia cohesionada e con máis oportunidades. Así, as provincias que recibirán un maior volume de gasto serán A Coruña e Pontevedra, con 5.885 M€ e 4.359 M€, respectivamente. A provincia de Lugo recibirá 1.967 millóns de euros e a de Ourense, 1.848 M€.

Dentro deste esforzo investidor, e co obxectivo de contribuír ao reequilibrio territorial, as provincias con maior gasto por habitante en 2027 seguirán sendo as de Ourense, onde a Xunta destinará 6.040 € por habitante, e Lugo, con 6.025 euros por habitante. En canto ás provincias atlánticas, A Coruña recibirá 5.167 € por habitante e para Pontevedra destinaranse 4.591 euros por habitante.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública reafirmou tamén o compromiso do Goberno galego coas entidades locais, cunha suba do Fondo de Cooperación Local que, por primeira vez, superará a barreira dos 200 millóns de euros (203 M€).

Ademais, lembrou que o esforzo continuado de reforzar o financiamento cos concellos é moi importante. En total, o vindeiro ano destinaranse ás entidades locais 661 millóns de euros, a cifra máis alta da historia.

En relación ás universidades, destacou que co vixente Plan de Financiamento 2022-2026, que se prorroga para o 2027, as universidades recibirán un total de 3.124 M€, un 23 % máis que co plan anterior, é dicir; 581 millóns de euros máis. “Consolidamos así a estabilidade no financiamento das universidades”, afirmou, precisando que na actualidade, teñen garantido un financiamento de case 1,6 millóns de euros ao día.

As contas galegas de 2027 apostarán tamén por un sector produtivo cada vez máis competitivo, cunha achega de 360 M€, o que supón un incremento do 7,2 % en relación a este ano. “En sete anos duplicouse o investimento en I+D+i. E, no vindeiro 2027, tamén se avanzará na Factoría de Intelixencia Artificial e na posta en marcha do novo Finisterrae IV”, confirmou.

Miguel Corgos rematou a súa intervención presentando o orzamento de 2027 en termos de Plan Estratéxico de Galicia. Nesta liña, resaltou que o Eixo de Reto Demográfico é o que ten máis recursos, con  7.076 M€; o de Galicia Verde e Sostible conta con 604 M€; o Eixe de Competitividade e crecemento conta cunha dotación de 1.824 M€; para o de Cohesión social e territorial inclúense 4.721 M€; e para o Eixe de Gobernanza, 934 millóns.

O conselleiro concluíu facendo fincapé en que o Goberno galego entrega ao Parlamento unhas contas financiadas na súa totalidade con recursos ordinarios, sen novo endebedamento por cuarto ano consecutivo, e cunha revisión á alza do PIB de catro décimas este ano, ata o 2,3 %, e que permitirá en 2027 encadear sete anos consecutivos de crecemento sostible. “En definitiva, uns recursos que empregaremos para seguir poñendo a estabilidade institucional e a solvencia financeira da comunidade ao servizo dos galegos e das galegas”, sentenciou, a modo de resumo.