martes, 20 de octubre de 2026

A Xunta adxudica as obras da Rolda Leste de Ourense, que unirá Bemposta coa estrada N-525 por importe de 11,7M€


Coñecemos hoxe que Xunta acaba de propoñer a adxudicación das obras da Rolda Leste de Ourense, que unirá Bemposta coa estrada N-525, á UTE Extraco SA-Misturas Obras e Proxectos SA, por importe de 11,7M€ (con IVE).

A nova estrada, de 1,5km, discorrerá polos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas. En concreto, o viario unirá a estrada OU-105 en Bemposta coa N-525 e completará a circunvalación polo sur da cidade conectando coa A-52. Iniciarase na glorieta existente na confluencia da estrada OU-105 coa OU-510, no núcleo de Bemposta, e desde este punto discorrerá en sentido suroeste para terminar na nova glorieta de conexión que permitirá o enlace coa N-525/OU-525 e coa autovía A-52.

O treito que se construirá entre Bemposta e a N-525 contará con dous carrís, un por cada sentido, de 3,5 metros cada un, e beiravías de 1,50 metros. Nas zonas de maior pendente haberá un carril adicional.

Entre outras estruturas, prevese nesta actuación a construción dun viaduto sobre o Río Barbaña, un paso inferior no cruce coa liña ADIF existente e un paso superior para dar acceso á EDAR San Cibrao.

Por outra banda, o acceso á glorieta dende ou cara á N-525/OU-525 se redefine mediante a execución de dous ramais: o ramal sur parte dende a estrada OU-525 mediante un carril de deceleración, e o ramal norte, que parte da glorieta existente, baixando ata a N-525 e entroncando co carril adicional que permite a entrada a Expourense.