miércoles, 23 de septiembre de 2026

A Xunta lamenta a falta de rigor do estudo de viabilidade do Goberno central para rexeitar a migración da rede ferroviaria galega ao ancho internacional


O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, volveu reclamar onte a migración da rede ferroviaria galega do ancho ibérico a ancho internacional e criticou o informe do Ministerio de Transportes por non ter en conta as particularidades da rede galega nin ofrecer unha base rigorosa para descartar esta transición. Diego Calvo, que compareceu a petición propia no Parlamento de Galicia para abordar a situación do transporte público galego, defendeu a necesidade de avanzar de forma inmediata no treito Ourense-Santiago,  e,  posteriormente, na súa adaptación no Eixo Atlántico. Na súa intervención, o conselleiro lamentou tamén que o Goberno central non tivese en conta as comunidades de cara á  implantación do abono único, ao que a Xunta presentou alegacións.

Calvo lembrou que máis do 80 % da rede ferroviaria galega mantén o ancho ibérico, unha situación que dificulta a chegada de novos operadores, limita a oferta de servizos e afasta Galicia dos grandes corredores ferroviarios europeos. Ademais, advertiu de que a convivencia de anchos penaliza os tráficos de mercadorías, ao dificultar a planificación de rutas eficientes, e limita a capacidade de elección do material rodante para os servizos de viaxeiros.

O conselleiro cuestionou o rigor do estudo de viabilidade elaborado polo Ministerio ao entender que se elaborou como un mero trámite, sen a participación do departamento competente e sen analizar con rigor as particularidades da rede ferroviaria galega.      

Defendeu unha transición progresiva e por fases, con especial prioridade para o treito Ourense-Santiago, onde a migración permitiría conectar directamente a alta velocidade co Eixo Atlántico sen depender dos cambiadores de ancho. Neste sentido, cuestionou que o informe do Ministerio basee o rexeitamento da migración en tres alternativas de carácter xeral, sen valorar actuacións graduais segundo as características e necesidades de cada tramo.

Outra das medidas do Goberno central cuestionadas por Calvo foi o novo sistema de abono único para o transporte público. Recordou que a Xunta presentou alegacións á proposta do Ministerio, pero segue sen recibir a información necesaria para avaliar o seu impacto no transporte autonómico, especialmente no relativo á demanda, ás tarifas e ao financiamento. Ademais, criticou a falta de concreción sobre o réxime económico e a ausencia de garantías para preservar as competencias autonómicas.

Sinalou así mesmo que Galicia xa dispón dun sistema propio de bonificacións para os usuarios do transporte público e reclamou que o novo modelo debe ter en conta as singularidades de cada territorio, ademais de coordinarse cos sistemas autonómicos existentes.

Ao longo da súa comparecencia, o conselleiro deu conta do abandono do Goberno central co transporte galego deixando patentes un ronsel de incidencias e incumprimentos, fronte ás que urxiu melloras no mantemento e na fiabilidade da rede ferroviaria, a recuperación das conexións suprimidas e máis frecuencias e prazas.

Nas súas demandas incluíu outras actuacións pendentes, como o desenvolvemento do Corredor Atlántico ata Ferrol polo norte e Portugal polo sur, a conexión ferroviaria dos portos ou a creación dunha rede de trens de proximidade.

Lembrou que a Xunta reclama tamén un novo mapa concesional de autobuses que non supoña perda de servizos, especialmente no rural, ao tempo que criticou a falla de diálogo coas comunidades autónomas. O conselleiro reprobou que, co novo mapa proposto polo Goberno de España, Galicia perde 4.542 circulacións ao ano en todos os corredores, case 3 millóns de quilómetros anuais e 14 rutas con parada en territorio galego.

Plan de Transporte Público de Galicia

Calvo defendeu no Parlamento o compromiso e o traballo que está a desenvolver a Xunta para mellorar os servizos de transporte da súa competencia e salientou a evolución do Plan de Transporte Público de Galicia, que mantén unha adaptación continua da oferta ás necesidades dos usuarios e incorpora novas ferramentas para mellorar o servizo.

Galicia, explicou, conta cunha ampla rede de transporte público, con 3.661 liñas, máis de 60.000 paradas e preto de 2,4 millóns de servizos ao ano, á que se suma un sistema de bonificacións que, ademais de ofrecerlle condicións moi vantaxosas a todas as persoas usuarias, permite viaxar de xeito gratuíto tanto os menores de 21 anos como as persoas maiores de 65.

Entre as novas ferramentas dirixidas a modernizar o transporte público autonómico destaca a Plataforma Galega de Mobilidade 4.0, MoBT, cuxa implantación comezou o pasado ano como un novo modelo para facilitar o acceso ao transporte público, ao integrar nunha mesma plataforma información en tempo real, a planificación dos desprazamentos e o pagamento dos billetes.Nesta liña, MoBT permite consultar nun único espazo as diferentes opcións de transporte público dispoñibles en Galicia e planificar os desprazamentos, así como coñecer en tempo real a localización e as previsións de chegada dos autobuses. Ademais, incorpora un novo sistema de pagamento dixital que permite utilizar o teléfono móbil mediante códigos QR e aplicar directamente os descontos correspondentes.

Na actualidade, xa poden beneficiarse das vantaxes do sistema MoBT ao redor do 80% das persoas usuarias do transporte interurbano e metropolitano de Galicia ao estar dispoñible en 96 dos 127 contratos de transporte público. A previsión é que a implantación desta aplicación estea completada a finais deste ano.

Diego Calvo avanzou que nas próximas semanas se iniciará na área da Coruña o programa piloto de pagamento coa nova tarxeta MoBT. Como apoio a este despregamento, habilitaranse nove caixeiros na Coruña e en Arteixo, desde os      que as persoas usuarias poderán transferir os saldos das súas tarxetas actuais TMG á súa conta MoBT, así como a realizar recargas do moedeiro dixital MoBT. 

A futura tarxeta permtirá, ademais, estender as vantaxes do sistema a aquelas persoas que non dispoñen dun teléfono móbil intelixente ou que prefiren utilizar o soporte físico, reforzando o carácter universal, accesible e inclusivo da plataforma

O conselleiro reiterou o compromiso da Xunta para estudar e atender as incidencias que que afectan ao transporte de competencia autonómica e aportar solucións nos casos en que existe marxe de mellora. Recordou que o Plan de Transporte Público de Galicia é un plan vivo e que a Xunta estuda cada caso para atender da mellor maneira posible as necesidades dos galegos. Nesta liña, afirmou que, se ben non é posible atender o 100% das peticións, o Goberno galego está disposto a facer os axustes precisos para ofrecer un servizo moderno, de calidade e útil ao usuario.