A decisión fundaméntase no informe xurídico avaliado hoxe no encontro, que conclúe que a redacción finalmente aprobada da norma incorpora “modificacións substanciais respecto da proposición de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia” e que presenta dúbidas de constitucionalidade, xa que non transfire por si mesma as competencias, senón que deixa a súa atribución efectiva a un posterior acordo da Comisión Mixta
A Xunta considera que, aínda que a lei mantén formalmente a transferencia da autoestrada, traslada a unha futura Comisión Mixta de Transferencias a definición de cuestións esenciais, especialmente as relativas ao alcance das competencias e as obrigas económicas que deberá asumir o Estado.
Segundo recolle o informe, unha lei orgánica de transferencia debe determinar directamente o contido esencial do traspaso, mentres que a Comisión Mixta debe limitarse a executar ese mandato legal mediante o traspaso de medios persoais, materiais e orzamentarios e a fixación da data de efectividade. “A Comisión Bilateral ten que ser anterior a calquera outro paso, incluíndo a Comisión Mixta de Transferencias”, indicou o presidente.
Así mesmo, explicou que o Goberno galego advirte de que a nova redacción introduce incerteza financeira ao supeditar determinadas obrigas económicas do Estado aos límites económicos existentes no momento en que se alcance o acordo da Comisión Mixta, unha expresión que non figuraba no texto aprobado polo Parlamento de Galicia.
O informe tamén destaca que desaparece a garantía expresa pola que o Estado asumía integramente as consecuencias económicas derivadas dunha eventual nulidade das prórrogas da concesión, previsión que si recollía a iniciativa impulsada desde o Parlamento de Galicia.
Por todo isto, a Xunta solicita a apertura dunha negociación no seo da Comisión Bilateral co obxectivo de alcanzar unha transferencia completa, xuridicamente segura e financeiramente suficiente.
Cómpre lembrar que Galicia sempre defendeu que a AP-9 debe transferirse libre de
cargas, asumindo o Estado os custes derivados de decisións adoptadas durante o
período en que exerceu a titularidade e garantindo os recursos necesarios para a xestión,futura. “O traspaso non pode ser a calquera prezo, ten que ser en condicións xustas. Os contribuíntes galegos non teñen que pagar por decisións que non se adoptaron aquí” indicou.