O Consello da Xunta acordou hoxe darlle luz verde á aprobación provisional, para a súa información pública, do proxecto para a execución da nova vía de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desde a N-525.
Esta nova intervención, que suporá un investimento que roldará os 4,4 M€, ten como principal obxectivo a mellora da conectividade do CHUO, mediante a execución dunhanova vía de características urbanas, de 640 metros de lonxitude, e cunha marcada funcionalidade supramunicipal, xa que constituirá un novo acceso ao complexo hospitalario para a poboación dos concellos do distrito sanitario de Ourense, desde a N-525 á avenida do Regato.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas someterá este proxecto a
información pública este mesmo mes de agosto, para os efectos da Lei 8/2013, de
estradas de Galicia, e para os efectos expropiatorios, por un prazo dun mes. Nesta
intervención é necesario a expropiación dun total de 26 predios no municipio, dos que dous son públicos de titularidade do Concello de Ourense.
Unha vez que se resolva esta, aprobarase definitivamente o proxecto de trazado e a
redactarase o proxecto construtivo para a súa posterior licitación no primeiro trimestre do 2027. O prazo de execución das obras é de 24 meses.
O proxecto
En concreto, a actuación consiste na execución dunha nova vía transversal(dirección oeste-leste) con características urbanas, que conecte a estrada N-525coa avenida do Regato, dentro xa da zona urbana de Ourense, e evite así un importante rodeo para acceder ao centro hospitalario. Para acometer esta nova actuación, cómpre destacar que as conexións da vía proxectada xa se atopan executadas e en servizo.
Deste xeito, para a conexión coa N-525 utilizarase o enlace existente a distinto nivel
con glorieta situado no punto quilométrico 235,5. A conexión da nova vía substitúe e repón o actual entroncamento do camiño do Dentragón nesta glorieta.
No outro extremo, a vía proxectada conectará coa avenida do Regato e dálle continuidade á sección actualmente existente. Ademais destes dous puntos que definen os límites do trazado, a vía proxectada dará conexión a diversas rúas e camiños presentes ao longo deste, e para iso dúas novas glorietas e diversas interseccións con vías municipais, como, por exemplo, co camiño Romano, o camiño das Laxas ou a rúa Ramón Abelas.
As citadas dúas novas glorietas, de 35 metros de diámetro exterior, situaranse aproximadamente unha no punto medio do trazado e outra na súa parte final. Isto
permitirá ordenar todos os movementos viarios da zona e, en particular, coa rúa das
Laxas e a rúa Xoán Manuel Pintos, de conexión coa rúa Ermida.
A nova vía proxectada consta de dúas calzadas separadas por unha mediana de 2 metros, e dispón de dous carrís de subida (cara á N-525) e dun de baixada, en todos os casos de 3,25 metros de anchura. No proxecto incluíronse, ademais, beirarrúas de máis de 2 metros de anchura a ambos os dous lados e zonas de aparcadoiro distribuídas ao longo do trazado.
Na proposta que se someterá agora á información pública, no treito final de conexión coa avenida do Regato mantívose a mesma sección existente de dous carrís de 3,25 metros por calzada e mediana de 2,70 metros, alén de zonas de aparcadoiro e beirarrúas, que lle dan continuidade á actual sección da citada avenida.