martes, 2 de junio de 2026

A Xunta presenta unha demanda para exixir a información que se remitiu á Comisión Europea en relación co ditame sobre a prórroga da concesión da AP-9



presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou onte que a Xunta presenta o escrito de demanda para exixir a información que se remitiu á Comisión Europea en relación co ditame sobre a prórroga da concesión da AP-9. Este procedemento é consecuencia da admisión a trámite do recurso contencioso-administrativo presentado pola Xunta contra o Ministerio de Transportes, ante a negativa expresa a facilitar a resposta enviada a Europa sobre o citado ditame.

Tal e como sinalou o presidente, neste escrito de demanda presentado ante a Sala do Contencioso–Administrativo da Audiencia Nacional reclámase a anulación da resolución que desestimaba o requirimento formulado pola Xunta de Galicia e, como consecuencia, que se recoñeza o dereito desta a obter o documento solicitado: a contestación do Goberno central ao ditame motivado emitido pola Comisión Europea.


Proceso


O Goberno galego iniciou este proceso xudicial en xaneiro. Así, o día 16, transcorridos mais de tres meses desde que solicitara a documentación sobre a contestación ao ditame da Comisión Europea sen resposta, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas formulou requirimento ao Ministerio, conforme o artigo 44 da Lei da xurisdición contencioso–administrativa, para que este remitise copia da documentación solicitada.


Posteriormente, o 17 de febreiro recibiuse a resolución do secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, pola que se denegaba o citado requirimento. E, ante esa situación, o 26 de marzo interpúxose o correspondente recurso contencioso contra a resolución de denegación do requirimento.


Este recurso foi admitido a trámite pola Audiencia Nacional e, tras recadarse o expediente e efectuarse a citación dos posibles interesados, enviouse á Xunta de Galicia para a presentación do escrito de demanda.