martes, 30 de junio de 2026

Rueda pide no Congreso a creación dun mecanismo de cooperación específico entre Estado e comunidades autónomas para afrontar o novo modelo de financiamento europeo



Asisto hoxe no Congreso a un sesión da Comisión Mixta Congreso-Senado da Unión Europea na que compareceu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda para expoñer a posición común acordada pola delegación española no Comité das Rexións, coñecida como “Declaración Galicia”, na que se reclama revisar a proposta da Comisión Europea para o próximo marco financeiro plurianual 2028-2034.

Rueda, solicitou hoxe a creación dun mecanismo de cooperación específico entre o Estado e as comunidades autónomas que permita habilitar un espazo de decisión compartido para elaborar os futuros Plans de Cooperación Nacional e Rexional (PCNR), unha das principais ferramentas propostas pola Comisión Europea para o novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034: “Queremos traballar co Goberno do noso país, negociar e coordinarnos desde o inicio, e así evitar conflitos posteriores. E acertaremos máis e mellor”, resaltou.

Así o reivindicou na Comisión, onde interveu en calidade de expresidente da delegación española no Comité das Rexións (CdR), a asemblea política comunitaria que representa os intereses locais e rexionais no proceso decisorio europeo e que é “unha oportunidade para ser escoitados de primeira man ante a Comisión Europea”. A presidencia galega, que rematou en maio, durou algo máis dun ano, e agora pasa ás mans do presidente de Aragón, Jorge Azcón.

O titular do Executivo autonómico amosou a súa preocupación pola proposta de financiamento realizada pola Comisión Europea. Entre outras razóns, esgrimiu que pon en perigo a Política de Cohesión, unha ferramenta que ten contribuído decididamente ao progreso de España e Galicia, e “o que funciona, debe manterse”.

Ademais, manifestou que non contempla recursos suficientes para facer fronte a todas as prioridades, e que os PCNR supoñen unificar baixo un mesmo instrumento políticas que antes estaban diferenciadas, o que podería causar que unhas gañasen fondos en detrimento doutras, como a cohesión, a agricultura ou a pesca: “Investir máis en defensa, vivenda ou migración non pode implicar inevitablemente investir menos en cohesión, agricultura ou pesca”, apuntou Rueda.

Neste sentido, criticou precisamente que estes PCNR non garanten xuridicamente a participación das rexións, senón que esta cuestión queda a discreción de cada Estado membro. De aí que solicitase a creación deste mecanismo de coordinación específico, para garantir unha verdadeira cogobernanza e evitar conflitos posteriores. 

Do mesmo modo, tamén pediu repensar o funcionamento das Conferencias Sectoriais, para que se convertan nun sistema de coordinación e non nun mero foro de intercambio de información, para así “impulsar unha nova cultura da negociación e da coordinación que estea á altura dos desafíos aos que nos enfrontamos”.

Balance da presidencia galega do CdR

O presidente tamén fixo un percorrido polo fitos conseguidos pola presidencia galega da delegación española do CdR durante algo máis dun ano. Así, sinalou que os principais obxectivos foron aproveitar este Comité para influír nas políticas europeas, dar máis visibilidade a este organismo e contribuír ao debate do novo MFP.

Entre os fitos conseguidos, lembrou que Galicia presentou ao CdR como candidato ao premio Europeo Carlos V, galardón que lle foi concedido o pasado mes de maio; e, sobre todo, que impulsou a coñecida como Declaración Galicia: unha declaración que une nun documento oficial a oposición do conxunto das comunidades autónomas españolas á proposta de financiamento europea.

Por último, animou a aproveitar a oportunidade de que este proceso de negociación segue aberto para influír e conseguir un modelo de financiamento que defenda os intereses das rexións e, por tanto, do conxunto de Europa: “Se defendemos os intereses do noso país, das nosas comunidades autónomas e das entidades locais, estamos defendendo o interese global e construíndo a Europa do futuro”, rematou o presidente.