jueves, 28 de mayo de 2026

Tres anos despois das eleccións municipais, do 28 de maio de 2023, o PP de Ourense fai balance dun traballo "a pé de rúa" e consolídase como a única forza política de estabilidade e futuro para a provincia


O Partido Popular de Ourense conmemora hoxe o terceiro aniversario das eleccións municipais celebradas o 28 de maio de 2023 facendo un balance "altamente positivo e de profunda responsabilidade" do traballo realizado nestes tres anos. A formación popular reafírmase como a única forza política capaz de ofrecer estabilidade, xestión eficiente e un proxecto de futuro integrador para toda a provincia, dende a capital ata o último concello do rural porque “traballamos por e para todos”, sinalou o presidente provincial, Luis Menor.

Ao longo destes 36 meses, o PP de Ourense demostrou coas súas políticas en concellos e deputación que a prioridade absoluta son as persoas. "Estes tres anos serviron para demostrar que somos un partido que cumpre coa súa palabra e traballamos a diario desde cada recuncho da nosa provincia escoitando á xente e a pé de rúa”, sinalou Menor. 

No Partido Popular demostramos que somos mulleres e homes que traballan con “sentidiño” e por riba de todo “estamos ao servizo da veciñanza como goberno ou oposición”, porque o noso compromiso co benestar dos ourensáns é a nosa prioridade e así o temos demostrado”, engadiu o presidente do PPdeOU.

Tres anos de renovación, estabilidade e escoita activa

O balance deste trienio pon de manifesto a solidez dun partido que soubo renovarse, adaptar as súas estruturas locais e manter unha folla de ruta clara: a cooperación como principio fundamental da xestión, a defensa dos intereses estratéxicos da provincia en materia de infraestruturas, o apoio aos sectores produtivos, fortalecer os servizos sociais e fixar poboación no rural. 

Neste sentido, Luis Menor lembrou que as eleccións municipais de  2023 outorgaron ao PP a responsabilidade de ser a forza maioritaria e o piar de goberno na provincia porque somos “o primeiro partido de Ourense, o primeiro partido de Galicia e o primeiro partido de España”. Unha responsabilidade que exercemos a diario con diálogo, consenso, respecto institucional e, sobre todo, proximidade coas demandas reais da cidadanía.

2027: Ampliar a confianza para liderar o futuro

A un ano das vindeiras eleccións municipais, o Partido Popular de Ourense encara o futuro con optimismo, cohesión e a maquinaria do partido a pleno rendemento, polo tanto,  “estamos listos e con máis forza que nunca para ampliar a confianza do electorado en 2027", asegura Luis Menor. 

Nestes tres anos tamén se fixo un arduo traballo orgánico no PPdeOU que se traduce en que a metade das agrupacións locais da provincia están reorganizadas ou renovadas practicamente.

Neste 2026 celebráronse 5 congresos locais e para xuño están previstos 3 máis: Manzaneda, Viana do Bolo e Esgos. Estes congresos súmanse aos 22 congresos celebrados o pasado ano. En total, 32 congresos locais xa que Ribadavia e Pereiro de Aguiar, celebrados en 2022, aínda están en período oficial. Neste tempo aprobáronse tamén 14 xestoras: Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz, Ourense, Taboadela, Amoeiro, Verín, Celanova, Maceda, Irixo, Montederramo, Parada de Sil e Ramirás. 

O obxectivo para 2027 é claro: presentar as mellores candidaturas posibles para cada un dos 92 concellos co obxectivo de conseguir unha maioría aínda máis ampla que permita devolver a estabilidade absoluta ás institucións e avanzar sen freos nos proxectos que Ourense necesita.