Onte pechouse o Debate sobre política
xeral coa aprobación de 51 resolucións (39
das presentadas polo Grupo Popular, 4 do Grupo Mixto, 1 do Grupo Socialista e 1
do Grupo Parlamentario do BNG); ás que hai que engadir 1 transaccionada entre o
Grupo Popular e o Grupo Socialista (sobre a Lei de Cultura inclusiva), 1
transaccionada entre o Grupo Popular e o Grupo Parlamentario do BNG (sobre a
cogobernanza de fondos europeos), e 4 transaccionadas entre o Grupo Popular e o
Grupo Mixto (sobre comercio, seguridade viaria, a transferencia de estradas
autonómicas e sobre o Xurés).
Ademais, das 51 resolucións aprobadas, 11 saíron adiante co apoio unánime dos deputados do Parlamento galego.
Alberto Pazos: “O noso obxectivo é claro: apoiar a quen sostén o país, garantíndolle máis oportunidades, estabilidade e benestar”
Neste debate celebrado onte no
Parlamento de Galicia, o portavoz
do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos dixo que, fronte á “crispación, o conflito
e a crítica pola crítica” dos grupos da oposición, hai un goberno que goberna
por Galicia.
Salientou que o Debate de
política xeral serviu para amosar a estabilidade política e a normalidade
democrática que hai en Galicia.
Fixo referencia a unha
oposición “absolutamente” afastada da realidade da nosa Comunidade: “Está ‘o
modelo do non’ do BNG e o ‘non hai modelo’ do PSdeG”. E incidiu nos “deberes
feitos” do Executivo de Alfonso Rueda, que, no ecuador da lexislatura, xa leva
o 85% das propostas de goberno cumpridas.
Ante a falta de orzamento
estatal, afeou o silencio e a complicidade tanto de BNG como de PSdeG: “En
Madrid, calan, cando a falta de orzamentos do Estado lle resta a Galicia 388M€
en catro meses”.
“A boca pechada para reclamar ao Goberno central
–engadiu- e a boca grande para malgastar os cartos dos galegos”. E é que,
segundo trasladou Pazos, as propostas formuladas polo BNG cústanlle aos galegos
un total de 6.355M€: “En nove propostas de resolución, case o 50% do orzamento
da Xunta”.
Sobre o autogoberno,
cualificou de “boa noticia para Galicia” o acordo co BNG para que Galicia teña
maior capacidade de xestión dos fondos europeos que permitan un maior
desenvolvemento do noso territorio.
Aproveitou, tamén, para
remarcar as axudas de preto de 23M€ que o Goberno galego destina á recuperación
do sector do marisqueo e instou ao Goberno central a que rebaixe o IVE dos
produtos do mar e da carne.
E volveu reclamar que se apliquen de forma
inmediata a aplicación das cláusulas de salvagarda de Mercosur e se
intensifiquen os controis de fronteira. Asemade, pediu que non se reduzan os
fondos europeos destinados ao sector agrogandeiro.
“Seguiremos defendendo un
campo galego forte, porque o agro é sinónimo da Galicia que somos”, apuntou, e
informou da proposta do Grupo Popular para establecer un sistema de cálculo dos
custos de produción e a posta en marcha dunha prórroga automática dos contratos
para evitar o desperdicio do leite.
Para que as familias
poidan vivir no rural, o Grupo Popular propón novas axudas para os concellos
máis pequenos e novos préstamos para acceder con máis facilidades aos programas
europeos de desenvolvemento local
Ao longo da lexislatura,
o Goberno galego investiu máis de 87M€ na mellora das infraestruturas
turísticas, especialmente, ao longo do Camiño. Neste punto, Alberto Pazos
avanzou que se poñerán en marcha iniciativas que fagan do Xacobeo 2027 un ano
histórico.
Neste punto, lamentou as trabas do Goberno central
para habilitar os incentivos fiscais para empresas patrocinadoras e
colaboradoras na celebración do Ano Santo e criticou o modelo turístico do BNG:
“É o de rachar co Xacobeo”.
Avogou porque os galegos
participen dos beneficios asociados ao aproveitamento dos recursos naturais e
que se blinde o seu retorno social e económico para o conxunto do país.
Fronte a aposta do PPdeG
polo avance das enerxías renovables, hai un PSdeG que “desconecta unha
provincia enteira” da rede eléctrica, limitando o seu desenvolvemento
industrial; e un BNG que non quere nin eólicos nin hidráulica nin biogás.
Avanzou, tamén, propostas para mellorar as infraestruturas viarias e ferroviarias. Neste senso, instou ao Goberno central a que se recuperen as frecuencias de tren suprimidas desde a pandemia, un plan director completo do Corredor Atlántico, máis pulo para o AVE entre Vigo e Porto, a renovación entre Ferrol e Ribadeo ou o convenio para a estación intermodal de Ferrol.
“Este é o Debate de política xeral da clase media, que é o motor de Galicia”, sinalou o portavoz do Grupo popular, con propostas, engadiu, realistas, efectivas e centradas no importante. E con medidas para “a xente que levanta a persiana dos seus negocios cada mañá e a xente que aposta por emprender”. Neste punto, referiuse á reclamación da franquía do IVE para os pequenos negocios e os traballadores autónomos.
Fixo fincapé en que para o PPdeG a vivenda é un obxectivo “prioritario, constante e irrenunciable”. Así, propón elevar o limiar máximo de renda ata catro veces o IPREM para optar a unha vivenda pública, e reservará o 30% destas vivendas en venda para persoas de entre 36 e 45 anos. Ademais, a partir do próximo ano, Galicia bonificará o 100% do imposto de actos xurídicos documentados para as vivendas protexidas.
Cualificou de “propaganda barata” a política en materia de vivenda de Pedro Sánchez e recordou que o Goberno galego leva dez anos pedindo a cesión de vivendas da Sareb.
Urxiu un reforzo real e efectivo das políticas de protección das vítimas de violencia de xénero. Neste punto, o portavoz do Grupo popular pediu ao Goberno central que “actúe” ante os fallos das pulseiras antimaltrato, a reforma do sistema Viogén ou a falta de presenza policial.
Insistiu, tamén, na débeda de 3.000M€ en dependencia do Executivo de Pedro Sánchez con Galicia e destacou que o obxectivo do Goberno de Alfonso Rueda é que o Bono Coidado, que actualmente beneficia a 40.000 persoas dependentes, chegue a 10.000 galegos máis.
Por outra banda, referiuse á mellora para a abordaxe das baixas laborais, incluíndo a creación de unidades especializadas: “Trátase de blindar os dereitos dos traballadores e, á vez, de mitigar o impacto desta problemáticas nas empresas”.
Para rematar, subliñou que as propostas do Grupo Popular van dirixidas a quen é o piar fundamental de Galicia: a clase media, de aí as medidas dirixidas a mellorar a súa calidade de vida, desde o alivio fiscal, o acceso á vivenda, a promoción de emprego e servizos públicos esencias de calidade. “O noso obxectivo é claro: apoiar a quen sostén o país, garantíndolle máis oportunidades, máis estabilidade e máis benestar”, sentenciou.
