O Consello da Xunta
aprobou hoxe a actualización do Plan de prevención e defensa contra os
incendios forestais (Pladiga) correspondente ao ano 2026, tras ser presentado
ante o Consello Forestal do pasado 27 de marzo, e que recolle o maior
investimento da súa historia cun montante total de algo máis de 213 millóns de
euros, incluíndo persoal, así como investimentos en prevención e extinción, o
que supón un 18 % máis con respecto ao ano pasado.
Naa referencia do Conselo da Xunta consta que “o Pladiga
incorpora novos obxectivos específicos e está integrado por catro plans: o de
prevención; o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o
de extinción e o de formación
No marco do plan de
prevención, darase continuidade ao programa de divulgación para centros
educativos cun mínimo de 300 charlas dirixidas especialmente aos escolares
das contornas rurais. Seguindo esta liña, apostarase de novo pola publicación
Os bolechas. Os incendios forestais, para concienciar os escolares.
No eido das actuacións preventivas, está previsto actuar nunha superficie de 33.880,41
hectáreas, nas cales se prevén traballos en áreas cortalumes, creación de
faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas, así como
as accións enmarcadas dentro das
subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios e
nas colaboracións con entidades locais.
A maiores destes
traballos preventivos, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta
cun convenio para a xestión da biomasa
nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, a través do cal
se lles presta apoio a administracións locais e propietarios para cumprir coas
súas obrigas. Este convenio conta cun orzamento de 25 millóns de euros anuais,
o dobre que o ano pasado.
Ao abeiro desta
colaboración impulsarase -aínda máis- unha estratexia
de aldeas preparadas fronte ao lume, impartindo charlas informativas nas
parroquias priorizadas e naquelas catalogadas como de alta actividade
incendiaria.
O obxectivo é dar
información sobre a necesidade dunha axeitada xestión das faixas secundarias
por parte dos propietarios, así como unha serie de consellos de autoprotección
en caso de incendio.
Plan de detección, disuasión, investigación e medidas
correctoras
O Plan de
detección, disuasión, investigación e medidas correctoras incorpora nesta
actualización importantes novidades
tecnolóxicas. Entre elas, salienta a ampliación dun 30 % da rede de
videovixilancia, que chegará a 241 cámaras en 111 localizacións, e a
introdución da intelixencia artificial no sistema interno de xestión, co fin de
detectar de forma automática e inmediata fume e focos iniciais do incendio.
Crearase tamén unha aplicación móbil,
complementaria á canle do 085, para que a cidadanía poida alertar sobre
calquera incendio forestal.
Ademais, disporase
de tres drons de vixilancia de última xeración que actuarán, principalmente,
nas zonas de difícil acceso. O mencionado plan inclúe, do mesmo xeito, as novas incorporacións relacionadas coa lista
de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI).
Neste ano saen dúas
parroquias -Santigoso no concello ourensán da Mezquita e Pardo de Limia, en
Muíños- e incorpóranse 11. Tendo isto en conta, o número total de PAAI en 2026
é de 35, das cales 24 repiten respecto á lista do ano pasado. En 2025 a cifra
de PAAI era de 26.
Plan de extinción
Por outra banda, o
Plan de extinción recolle, entre outras cuestións, os medios humanos e
materiais e a súa distribución territorial. O dito plan recolle importantes
novidades de cara a este 2026, como son o reforzo
da Unidade de Directores de Extinción, especializada
en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 membros; ou a
incorporación de 42 novas brigadas, de
catro compoñentes cada unha, pensadas para reforzar o dispositivo durante a
tempada de alto risco de incendios. En
total, o dispositivo estará integrado un ano máis por máis de 7.000 persoas,
contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a
outras administracións.
No eido dos medios
materiais, sumaranse 16 novos bulldózers
para labores preventivos e seguirase a avanzar na mellora das
infraestruturas, con actuacións nas
bases aéreas existentes e na construción doutras novas, como a base de
helicópteros de Lalín ou o aeródromo de Valga. Refórzanse os medios aéreos con dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero
pesado. En total, serán 24 os dependentes da Consellería, aos cales cómpre
sumar os do Goberno central.
En terra haberá
unhas 380 motobombas e vehículos pesados,
contabilizando tanto as da Xunta como as municipais.
Plan de formación
No eido da formación,
o obxectivo é seguir a liña dos últimos anos e afondar na mellora da
profesionalización e seguridade do persoal para conformar un dispositivo máis
eficiente e capacitado para afrontar as novas tipoloxías de incendios
forestais. Neste ano están previstos cursos monográficos, accións de
adestramento do persoal e iniciativas formativas para medios das entidades
locais e tamén dirixidas á poboación. Todo isto conta cun orzamento conxunto de
preto dun millón de euros.
Obxectivos específicos
Dentro dos obxectivos
específicos incluídos no Pladiga procúrase, entre outras cuestións, consolidar
os convenios para a constitución de brigadas de prevención e defensa contra os
incendios forestais en mancomunidades de concellos durante seis meses ao ano,
así como impulsar o desenvolvemento dun proxecto piloto orientado a reforzar a
colaboración da poboación local de cara á vixilancia contra os incendios
forestais das comunidades de montes veciñais en man común.
