Hoxe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a aposta do Goberno autonómico por captar talento da Galicia Exterior para seguir construíndo unha comunidade líder e innovadora: “Esa Galicia Calidade que queremos facer entre todos necesita de todo o mundo. Necesita de savia nova”, apuntou o presidente.
Así o salientou esta mañá durante o acto de entrega de diplomas aos beneficiarios das Bolsas de Excelencia á Mocidade Exterior (BEME) e do programa Retorna Talento FP, correspondentes a este curso. Acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o de Emprego, Comercio e Emigración, José González, Rueda subliñou que estas axudas, que se puxeron en marcha no ano 2017, buscan dar aos descendentes de galegos a oportunidade de volver á terra dos seus pais e avós para formarse, pero tamén a de "invitalos a quedar": “Interésanos que veñades e que quededes aquí. E se tomades a decisión de volver, que estivésedes aquí, que nos coñecésedes, que vos impregnásedes do que é ser galego, do que é Galicia, para nós xa é vantaxoso”, destacou.
Así, resaltou a importancia destas bolsas xa que cada ano traen á comunidade 250 mozos e mozas para estudar mestrados nas tres universidades galegas, procedentes de diferentes países como Arxentina, Uruguai, Cuba, Reino Unido, Francia, Irlanda ou República Checa. Neste sentido, destacou o éxito do programa, xa que o 80% dos beneficiarios deciden quedar en Galicia unha vez rematados os seus estudos.
Así mesmo, indicou que está aberto o prazo da décima edición das BEME, a correspondente ao curso 2026/2027, que se poden solicitar ata o 30 de abril, cun investimento de 2,55 M€. Tamén ata esa data poden solicitarse as bolsas do Retorna Talento FP. En total, a Xunta leva investidos máis de 15 M€ neste programa que o próximo ano acadará os 2.000 estudantes retornados, entre as axudas para estudos postuniversitarios e para a Formación Profesional.
Apoio integral ao retorno
Para facilitar este proceso, Alfonso Rueda lembrou que a Administración autonómica pon á disposición dos retornados toda unha batería de medidas a través da Estratexia Galicia Retorna. Entre estas actuacións destacan os incentivos á contratación, que se incrementarán especificamente cando se trate dun exbolseiro BEME, as axudas ao emprendemento para cubrir gastos iniciais e as oficinas de asesoramento. E agarda que “non remate este ano 2026 sen que consigamos a competencia para dar permisos de traballo aos que non teñen a nacionalidade española”.
O presidente tamén volveu instar ao Goberno central a que acelere o recoñecemento das titulacións universitarias dos retornados, co fin de eliminar obstáculos no seu acceso ao mercado laboral: “Seguiremos traballando nas cousas que aínda están por solucionar. Traballando de xeito conxunto cos reitores para conseguir a homologación de títulos”, apuntou Rueda.
"Galicia é unha terra de oportunidades e portas abertas", afirmou o presidente, quen incidiu en que a comunidade segue gañando habitantes ano tras ano sen perder o contacto coa Galicia Exterior. Como mostra desta vontade de conexión permanente, Rueda lembrou a nova sede que abrirá a Xunta en Bos Aires, tal e como anunciou no Debate do Estado da Autonomía, para potenciar o vínculo coa diáspora na Arxentina e seguir consolidando a comunidade como un bo lugar para iniciar un proxecto de vida: “Tan galego se pode ser vivindo aquí como vivindo fóra. Todos sodes talento galego, todos sodes Galicia Calidade e todos construídes a Galicia do futuro”, rematou o presidente.
