sábado, 25 de abril de 2026

No Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica en San Cibrao de Las


Visito esta mañá o 
Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica, un equipamento cultural de primeira orde que ten como referente ao emblemático xacemento de San Cibrao de Las, tamén coñecido como “A Cidade”.

Cómpre lembrar que este castro, situado a uns 20 quilómetros da cidade de Ourense, nos termos municipais de San Amaro e Punxín, conta xa co máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia ao terse iniciado, en maio de 2025 o expediente de incoación para declarar o conxunto como Ben de Interese Cultural.


Esta declaración fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro. Así o expediente aínda en marcha destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono.


Foi precisamente esta singularidade a que fixo que a Xunta de Galicia o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes que recibe cada ano máis de 10.000 persoas.




En setembro de 2025 coñeceuse a nova de que A Xunta de Galicia adquirirá unha superficie de 15 hectáreas no ámbito do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa por un importe de 241.962,43 €. 


Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tras asinar o acordo co representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, propietarios dos terreos.


Tal e como explicou o representante do Goberno galego, o Parque Arqueolóxico conta cunha superficie total de 20 hectáreas, das cales 15 pertencen a esta Comunidade de Montes. “Trátase dun terreo que inicialmente foi cedido á Xunta de Galicia polo Concello e cuxa propiedade, posteriormente, foi outorgada á Comunidade de Montes pola vía xudicial”, informou antes de engadir que no ámbito desta superficie está localizado o centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las.


“Este xacemento é un dos máis destacados de Galicia polo seu tamaño, estado de conservación e a súa importancia tanto a nivel histórico como científico por iso para a Xunta de Galicia era unha prioridade poñer fin ao conflito”, precisou López Campos, engadindo que, deste xeito, “acadamos un acordo histórico para toda a Comunidade porque nos permite poñer en marcha un novo proxecto”. Así, tal e como subliñou, o documento asinado hoxe posibilita que se inicien os trámites da expropiación amigable e a declaración da prevalencia de utilidade pública destes terreos. “Este é un primeiro paso importante e o noso compromiso é que estea finalizado antes de que remate o ano 2026”, puntualizou.