Asisto está mañá en Madrid ao
VI Foro económico Wake Up Spain, organizado por El Español no que
falou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Na súa intervención,
Rueda defendeu que Galicia quere consolidarse como un nodo tecnolóxico de
referencia en Europa. Galicia foi a primeira rexión europea en dotarse dunha
Lei de intelixencia artificial, acollerá unha das 19 fábricas europeas de
intelixencia artificial, e está a situarse como referente na tecnoloxía
cuántica, “un sector que será fundamental no futuro”, indicou.
O presidente galego
sinalou que, todos estes avances, permiten á comunidade poñerse na vangarda
dunhas tecnoloxías que xa están transformando á sociedade, aproveitar estas
oportunidades para o progreso do territorio e, sobre todo, xerar empregos de
calidade para a xuventude galega, así como atraer talento do exterior.
Por iso, salientou a
aposta da Xunta por promover a investigación feita en Galicia, a I+G+i,
mediante diferentes iniciativas para que científicos galegos e de fóra da
comunidade elixan Galicia para desenvolver a súa carreira e facilitar a
transferencia de coñecemento. “Que a sociedade vexa que a investigación ten
utilidade práctica”, indicou.
En canto á vivenda,
recordou que a Xunta se comprometeu en 2024 “a duplicar o parque de vivenda
pública, e pasar de 4.000 a 8.000 fogares”. Neste sentido, precisou que xa o
100% desas novas vivendas están nalgún punto de tramitación. Ademais, co
obxectivo de facelas máis accesibles, o Goberno galego acaba de anunciar dúas
novidades: que se incrementará o límite de renda para poder acceder a elas, e
que se reservará o 30% das vivendas públicas para as persoas de entre 36 e 45
anos con fillos.
Rueda tamén dedicou
parte da súa intervención para falar dos preparativos que está levando a cabo o
Goberno galego para prepararse de cara a oportunidade histórica que supón o
Xacobeo 2027. Valorou que o próximo Ano Santo será o mellor escaparate para amosar
ao mundo todo o que representa a marca Galicia Calidade, e aproveitou para
pedir ao Goberno central un maior apoio a este evento. “É un acontecemento de
Galicia, pero tamén de toda España”, indicou.
Lei de educación
dixital e relacións coa Galicia exterior
Outros dos asuntos
que abordou o titular do Executivo autonómico foi a futura Lei de educación
dixital que, entre outras cousas, converterá a Galicia na primeira comunidade
autónoma en regular os usos permitidos e non permitidos da intelixencia
artificial na aula. “Queremos compatibilizar os avances das novas tecnoloxías
con métodos de ensinanza de toda a vida que demostraron que funcionan”, indicou
Rueda, quen resaltou que a futura normativa tamén incluirá outras novidades
como “establecer o dereito á desconexión dixital dos alumnos”, fixar en que
casos será posible gravar as clases e regular o uso de pantallas nas aulas en
función da idade dos rapaces.
Xa no que se refire
ás relacións coa Galicia exterior, fixo fincapé na relevancia que teñen as
comunidades do exterior, coas que se mantén unha relación moi intensa. Desde
hai anos, a Xunta vén promovendo a Estratexia Galicia Retorna, que permitiu que
a comunidade veña gañando poboación grazas á chegada de retornados.
Baixas laborais
Na súa intervención,
Rueda salientou que a Xunta traballa co obxectivo de que as persoas que están
de baixa médica reciban a mellor atención para “a súa recuperación” e garantir
que o sistema de control e seguimento das incapacidades temporais “funciona ben”.
Nesta liña, lembrou que as baixas laborais rexistradas en Galicia implican
perdas “de 2.000 millóns de euros” e que Galicia “é a segunda comunidade con
baixas máis duradeiras”. Por iso, o Goberno autonómico vai poñer en marcha un
plan específico para reforzar o control e seguimento destes procesos.

