A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reivindicou en Santander o Corredor Atlántico e o rescate da AP-9 como “infraestruturas fundamentais para a competitividade de Galicia".
Allegue asistiu hoxe ao Foro do Arco Atlántico que impulsan a Cámara de Comercio de Cantabria e a ARCHAM (Asociación de Cámaras de Comercio do Arco Atlántico) e que se celebra nesta cidade. Neste foro participaron a presidenta da Comunidade de Cantabria, María José Sáenz de Buruaga, o lehendakari do Goberno vasco, Imanol Pradales, e contou coa presenza de representantes das Cámaras de Comercio de Galicia.
A conselleira subliñou que o Corredor Atlántico é prioritario para Galicia, insistindo na necesidade de obter información sobre o Plan Director que ofreza detalle actualizado sobre actuacións, investimentos e cronogramas que ata agora Galicia descoñece. Lembrou neste senso a esixencia da Xunta para a constitución dun Grupo de Traballo multilateral (Estado-Xunta-Adif-Renfe), un interlocutor directo con Renfe e compromisos concretos para que Galicia non quede relegada na rede europea de transportes.
Ademais, volveu esixir o rescate e transferencia da AP-9 para Galicia, criticando a falta de resposta do Goberno central a esta reivindicación. Neste senso, lembrou que o Parlamento de Galicia leva 15 anos reclamando a transferencia e o Ministerio non deu resposta ás 14 solicitudes de reunión remitidas nesta lexislatura para abordar a xestión da autoestrada. Allegue confía en que o Goberno central rectifique e aborde esta interlocución con Galicia, “porque necesitamos mais competitividade e cunhas infraestruturas estatais obsoletas é moi difícil”.
