Tralo anuncio realizado esta mañá polo presidente de Renfe, Álvaro Fernández desde o PP de Ourense difundimos esta nota de prensa:
O PP de Ourense celebra a recuperación dunha frecuencia matinal temperá do AVE na Gudiña, o que demostra o “capricho” do ministro Puente ao suprimir paradas e privar a miles de usuarios do dereito á mobilidade
23, marzo, 2026. O Partido Popular de Ourense celebra a recuperación dunha frecuencia matinal temperá do AVE na estación Porta de Galicia-A Gudiña, o que demostra que a supresión de paradas acordada o 9 de xuño de 2025 foi un “capricho” do ministro Óscar Puente, que privou durante todo este tempo a milleiros de usuarios do ferrocarril neste punto do seu dereito “a unha mobilidade con horarios racionais”, afirma o deputado nacional Celso Delgado.
A valoración do representante ourensán no Congreso prodúcese logo de que o presidente de Renfe, Álvaro Fernández, anunciara en Lugo que a partir do 20 de maio sairá un tren Alvia desta cidade ás 5:18 da mañá, con parada na Gudiña ás 7:44 horas. A chegada prevista a Madrid será ás 10:13 horas.
Para Celso Delgado, esta rectificación pon en entredito a decisión do ministro de Transportes adoptada hai un ano, pola que se suprimían as frecuencias máis madrugadoras na estación da Gudiña, prexudicando así a milleiros de usuarios das comarcas orientais da provincia -Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras, Trivese Conso-Frieiras-, ademais das zonas portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real-, que tiñan nesta estación un acceso próximo á alta velocidade.
“Desde aquela data do 9 de xuño pasado non deixamos de dicir que estabamos ante un maiúsculo desprezo ao interior ourensán, que sufría así as decisións arbitrarias e discriminatorias do Goberno”, denuncia Celso Delgado.
O deputado pon en valor o traballo realizado polo Partido Popular de Ourense á hora de esixir unha rectificación por parte do Goberno de Sánchez a unha decisión que “non tiña razón de ser algunha”, impulsando ata unha decena de iniciativas tanto no Congreso como Senado. Mesmo o pasado 24 de febreiro, o Goberno de Sánchez reafirmábase en considerar que os usuarios da Gudiña viran "reforzada a mobilidade diaria cunha cobertura equilibrada ao longo do día, facilitando os desprazamentos cotiás e contribuíndo á cohesión territorial". Unhas manifestacións“ofensivas ante as xustas demandas dos usuarios”, sinala Delgado.
Iniciativas parlamentarias en Madrid e no Parlamento de Galicia, na Deputación, nos concellos e o apoio en dúas manifestacións poñen de relevo que “o traballo político tamén ten o seu peso no cambio de postura fronte a unha decisión totalmente inxusta”.
Con todo, Celso Delgado advirte que esta rectificación tamén terá que vir acompañada de novos horarios no sentido Madrid-Galicia, descoñecendo ata o momento se haberá cambios, xa que o último tren AVE sae de Madrid ás 18:06 horas, o que segue a limitar a posibilidade de realizar xestións na capital de España con ida e volta no mesmo día.